Inicio / Noticias / A Xunta lamenta que o comisionado do Goberno para o Corredor Atlántico cuestione a implicación do empresariado galego e actúe como un muro que impide o diálogo
10/11/2023 - 04:57
A Xunta lamenta que o comisionado do Goberno para o Corredor Atlántico cuestione a implicación do empresariado galego e actúe como un muro que impide o diálogo

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2023

A Xunta lamenta que o Comisionado do Goberno para o Corredor Atlántico cuestione a implicación do empresariado galego e actúe como un muro que impide o diálogo.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, clausurou o encontro ‘Oportunidades e futuro do transporte ferroviario de mercadorías de Galicia’, organizado polo Clúster da Función Loxística de Galicia.

Vázquez Mourelle felicitou á Confederación de Empresarios de Pontevedra por alzar a voz en defensa do traballo dos empresarios de Galicia fronte aos ataques do Comisionado do Goberno para o Corredor Atlántico. Resaltou que as industrias e os portos de Galicia están volcados en crecer, incrementar a súa actividade e chegar a novos mercados.

Na súa intervención, a titular de Infraestruturas e Mobilidade puxo o acento na necesidade de dotar a comunidade de servizos ferroviarios modernos e competitivos para ser a ponte entre América e Europa e conectar tamén as mercadorías con Portugal.

Para acadar estes obxectivos, o Corredor Atlántico agarda unha planificación de investimentos por importe de 8.000 M€, pero a conselleira lamentou que cando máis necesita Galicia unha rede de transporte ferroviaria competitiva, menor é o grao de compromiso por parte do Goberno de España.

Censurou que o Goberno de España siga retrasando a presentación do Plan Director do Corredor Atlántico que se comprometera a ter xa en 2019.

Indicou que as perspectivas non son boas nin para as mercadorías nin para os viaxeiros, xa que a conexión ferroviaria entre Lugo e Ourense renuncia a un trazado capaz de facer a viaxe máis rápida e competitiva; e o tren Ferrol-A Coruña segue sen unha planificación decidida por parte do Executivo central.

Sinalou que tampouco avanza a conexión de alta velocidade con Portugal; e o Goberno parece renunciar á Variante Exterior de Ourense e á conexión da terminal de Bouzas.

Manifestou a súa inquedanza polas frecuencias suspendidas desde a pandemia e non restablecidas a día de hoxe e polos trens Avril, que acumulan retrasos constantes e non hai data oficial concreta para a súa chegada a Galicia.