Inicio / Noticias / A Xunta licita as obras de construción da senda entre Roxos e Aldea Nova, cun orzamento de máis de 340.000 euros
10/01/2019 - 13:12

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de licitar as obras de construción da senda peonil na marxe dereita da estrada de Noia, AC-543, entre Roxos e Aldea Nova, cun orzamento de máis de 340.000 euros.

As empresas interesada teñen de prazo ata o vindeiro 4 de febreiro para presentar as súas ofertas, podendo consultar toda información na Plataforma de Contratos da Xunta.

As obras deste treito peonil dispoñen dun prazo de execución de 6 meses desde o inicio das mesmas, e permitirán executar na marxe dereita da estrada AC-543 unha senda dunha lonxitude aproximada de 980 metros, desde o tramo comprendido entre á saída de Roxos, no Concello de Santiago e a urbanización Aldea Nova, no Concello de Ames.

O itinerario terá dous metros de ancho e será de formigón coloreado, estando separado da calzada por unha zona axardinada de case un metro, salvo en zonas puntuais para reducir a afección, máis os bordos de separación.

Como obras complementarias, instalarase un colector para canalización das augas de drenaxe e de catro tubos en previsión de futuras necesidades de redes de electricidade ou telecomunicacións.

Nesta mesma estrada autonómica AC-543 está xa a disposición dos veciños a senda entre Santiago e Vidán, que dará continuidade ao itinerario peonil e ciclista que se está a executar nestes momentos entre A Barcia e Roxos, e que continúa co itinerario que se acaba de licitar, entre Roxos e Aldea Nova. A estes itinerarios hai que sumar a outra senda existente no municipio de Brión, entre a urbanización Monte Devesa e ata Aldea Buio.

Deste xeito, cando se rematen estas 4 actuacións haberá 6 novos quilómetros de itinerarios peonís á beira desta estrada que, cun investimento de 2,4 millóns de euros, posibilitarán que os veciños da contorna poidan ir camiñando de modo seguro ao longo de todo o treito comprendido entre Santiago, Bertamiráns e Brión. Estas intervencións forma parte do Plan de sendas de Galicia que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está desenvolver na comarca de Santiago, cunha lonxitude total de 14,6 quilómetros nesta área. As actuacións están impulsadas polo departamento de Infraestruturas da Xunta, a través da Axencia Galega de Infraestruturas están cofinanciadas polo Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.