Inicio / Noticias / A Xunta licita as obras de execución dunha glorieta na intersección das estradas autonómicas LU-652 e LU-546, no Concello de Bóveda
28/05/2020 - 14:12

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2020.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, vén de licitar a execución das obras de construción dunha glorieta na intersección das estradas LU-652 e LU-546, ao seu paso polo concello de Bóveda.

A Plataforma de contratos de Galicia recolle hoxe a publicación da licitación deste proxecto, que conta cun orzamento de máis de 212.000 euros.

As empresas interesadas en desenvolver este contrato poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 23 de xuño. O prazo de execución das obras é de 6 meses.Trátase de mellorar a seguridade viaria e as condicións do tráfico rodado e peonil nesta contorna.

As obras proxectadas consisten na execución dunha glorieta na intersección das ditas estradas, cun diámetro interior de 21 metros e un diámetro exterior de 41 metros, con accesos e saídas cun único carril. A plataforma da glorieta terá dous carrís de 4 metros e beiravías de 1 metro de ancho.

Tamén se lle dará acceso ao camiño de servizo existente na marxe esquerda do eixo Lugo-Pobra de Brollón.

Na saída da glorieta, na dirección Pobra de Brollón, permitirase un xiro á esquerda para acceder á vía existente cara o parque empresarial de Bóveda. Neste mesmo punto, tamén se proxecta un paso de peóns accionado mediante semáforos e a instalación da semaforización correspondente, dando así continuidade a unha rede peonil existente na zona.

Os traballos incluirán o repintado de marcas viais e colocación de nova sinalización vertical, balizamento e defensas, así como a reubicación da farola existente ao centro da glorieta.