Inicio / Noticias / A Xunta licita por 20 M€ as obras da nova estación de autobuses intermodal de Lugo e reclama incorporar tamén a cidade ao mapa da alta velocidade ferroviaria
27/11/2023 - 02:32
A Xunta licita por 20 M€ as obras da nova estación de autobuses intermodal de Lugo e reclama incorporar tamén a cidade ao mapa da alta velocidade ferroviaria

Lugo, 27 de novembro de 2023

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou a licitación por 20 M€ das obras da estación intermodal de Lugo, que cualificou como un “proxecto agridoce” que precisa dun reforzo dos servizos estatais para que a cidade se incorpore, tamén, “ao mapa da alta velocidade ferroviaria”.

Vázquez Mourelle, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, presentou hoxe en rolda de prensa o proxecto da nova estación de autobuses e do aparcadoiro subterráneo coincidindo coa licitación das obras, que xa está recollida na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia.

A conselleira subliñou que a Xunta dá o paso definitivo para construír a estación intermodal de Lugo, como gran centro de transporte público no que sexa posible pasar do autobús ao tren en apenas 2 minutos, desde unhas instalacións modernas e accesibles, dotadas, ademais, dun gran aparcadoiro subterráneo.

Ethel Vázquez avanzou que a intención da Xunta é iniciar as obras a vindeira primavera, construíndo unha nova terminal de autobuses integrada na estación de ferrocarril, cun total de 23 dársenas -18 para viaxes e 5 de regulación- e un edificio de servizos aos viaxeiros á mesma cota, preparada para albergar uns 620.000 viaxeiros cada ano.

Explicou que o Goberno galego asume, tamén, o compromiso de construír un aparcadoiro subterráneo con 240 prazas, 8 delas para persoas con mobilidade reducida, que responden a unha necesidade da estación de ferrocarril e da propia cidade. O aparcadoiro ten un orzamento de 11,4 M€, dos cales a Xunta achega 4,3 M€, un esforzo que segundo apuntou a conselleira se suma ao que xa leva implícito a contratación das obras por case 20 M€, e que sumando ás asistencias técnicas, eleva o investimento a practicamente 21 M€.

Deste xeito, tal e como lembrou Ethel Vázquez, facilitouse tamén o financiamento da intermodal: cunha achega autonómica de 12,8 M€, incrementando un 50 % máis do que correspondería por competencias en autobuses.

A intermodal de Lugo complétase cos traballos na estación de ferrocarril, que inclúe un novo edificio e un paso inferior e a integración urbana, a construción dun novo paso de cidade, un paso inferior peonil entre o centro urbano e o parque Sagrado Corazón, que conectará ambos os lados das vías vertebrando a cidade.

Segundo informou Ethel Vázquez, as empresas interesadas no contrato que se licitou hoxe teñen ata o vindeiro 10 de xaneiro para presentar as súas ofertas a estas obras, que teñen un prazo de execución de 25 meses.

A conselleira asegurou que a Xunta cumprirá o seu compromiso de crear un intercambiador de transporte público no espazo da actual estación, así como de traballar para que siga a ser un centro de actividade social e comercial.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade engadiu, ademais, o deber de traballar xuntos na defensa dun reforzo dos servizos ferroviarios que lle dea auténtico sentido á construción da estación intermodal e ao gran esforzo investidor que leva aparellado.

A este respecto, incidiu que a actual oferta de servizos ferroviarios é insuficiente e incapaz de responder ás necesidades de mobilidade dos veciños de Lugo. Fixo fincapé en que os tempos de viaxe sitúan esta cidade e esta provincia moi lonxe dunha conexión real coa alta velocidade, co AVE. Isto, remarcou Ethel Vázquez, fai que hoxe a estación intermodal de Lugo “sexa un proxecto agridoce co que non nos podemos conformar e que nos obriga a reivindicar servizos de tren de calidade e propios do século XXI”.

A este respecto, a conselleira expresou o deber da Xunta na reclamación dun xiro de 180º por parte do Goberno de España en relación coas infraestruturas e servizos de comunicación desta provincia que se atopan en situación de abandono, lamentou.

Ethel Vázquez puxo de exemplo o que está a pasar na rede viaria de Lugo, coa A-6 pechada desde hai dous anos, citou a conexión con Santiago “eternizándose”, e a falta de avance na autovía de Lugo a Ourense, que cualificou de inaceptable.

A conselleira tachou de especialmente “sangrante” a situación da Mariña, cun socavón dificultando a circulación pola principal vía de comunicación desde hai máis de 10 meses, e nin un quilómetro da autovía en servizo, nin en obras nin en contratación, lembrou.

Ethel Vázquez contrapuxo esta situación á vontade da Xunta cumprindo cos compromisos coa provincia con feitos reais, como a licitación hoxe da estación de autobuses e do aparcadoiro subterráneo, cun investimento de case 21 M€.

As obras da estación de autobuses intermodal de Lugo serán financiadas pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional do programa operativo Feder Galicia 2021-2027.