Inicio / Noticias / A Xunta licita por máis de 1 millón de euros obras de mellora de firme en cinco estradas autonómicas da provincia da Coruña
27/04/2020 - 13:45

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2020.- A Xunta publica hoxe na Plataforma de contratos públicos de Galicia a licitación das obras de mellora do firme en cinco estradas autonómicas da provincia da Coruña, cun investimento de máis de 1 millón de euros.

As empresas interesadas nesta obra, que terán un prazo de execución de 4 meses, poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 25 de maio. O obxectivo da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade é acometer os traballos neste mesmo ano 2020.

O contrato ten por obxecto a rehabilitación de firme naqueles puntos nos que a capa de rodadura presente carencias ou se atope deteriorada, coa finalidade de reforzar e mellorar a seguridade viaria e a comodidade dos usuarios destas estradas.

Na estrada AC-400, Sigrás (N-550)-Muros, actuarase no tramo que vai do punto quilométrico 28+600 ao 62+500. Neste treito repararanse as superficies deterioradas da vía e procederase á reposición das marcas viarias, captafaros, bandas sonoras e barreira metálica.

Na AC-404, Santa Comba-Baio (AC-552), os traballos de rehabilitación de firme realizaranse entre os puntos quilométricos 1+350-20+670. A actuación incluirá a reposición das marcas viarias, captafaros, bandas sonoras, sinalización vertical, e obras de drenaxe.

As melloras previstas na estrada AC-429, Ponteceso (AC-424)-Laxe, que se desenvolverán dende o punto quilométrico 0 ao 11+710, comprenden a reparación das superficies deterioradas e a reposición das marcas viarias. Estes mesmos traballos son os que se realizarán na AC-419, Buño (AC-418)-Ponteceso (AC-424), desde o punto 3 ao 4.

Finalmente as tarefas prevista na AC-444, Negreira (Límite concello)-Ponte Failde (AC-406), comezarán no punto quilométrico 0+570 e chegarán ata o punto 10+910. Nesta vía ademais da reparación das superficies deterioradas, reporanse as marcas viarias, captafaros e bandas sonoras e obras de drenaxe.

Deste xeito, o Goberno galego continúa a súa aposta polo reforzo da seguridade viaria nas estradas autonómicas ao tempo que, ao retomar os procedementos administrativos de licitación e adxudicación das obras, impulsa investimentos para favorecer a actividade económica.