Inicio / Noticias / A Xunta licita por máis de 2,3 M€ as obras de acondicionamento e mellora da estrada LU-710 que conecta a N-VI coa A-6, en Barralla
16/02/2024 - 13:59

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2024 A Xunta licitou hoxe por 2.325.611 euros a execución das obras de acondicionamento e mellora da estrada LU-710 desde a intersección coa N-VI e ata o enlace con A-6, no concello de Baralla.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe esta contratación, á que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o día 13 de marzo. Os traballos contan cun prazo de execución de 18 meses.

Está previsto adxudicar as obras o vindeiro mes de xuño para inicialas no verán e telas rematas a finais de 2025 ou principios de 2026.

A actuación mellorará a seguridade viaria na contorna, a través do ensanche e mellora da estrada LU-710 entre a N-VI e a A-6, nunha lonxitude de preto de 4,5 quilómetros.

A estrada autonómica, unha vez acondicionada, contará cunha plataforma ampliada a 7 metros de sección, sen incluír as cunetas, cun carril por sentido de 3 metros cada un e beiravías de 0,5 metros.

Ademais, mellorarase puntualmente o trazado con variantes, para aumentar a visibilidade e a perceptividade en tramos concretos da estrada, o que implementará a seguridade viaria.

Tamén se prevé a remodelación da intersección coa N-VI, cunha solución que canaliza, cun carril central de espera e cuñas de cambio de velocidade, os dous xiros á esquerda que actualmente se realizan de forma directa.

Finalmente, incorpórase ao proxecto a achega presentada ao proxecto inicial, dun acceso solicitado desde a estrada LU-710.

Tamén, no marco desta obra, o Concello  de Baralla executará unha senda neste tramo, cuxo deseño foi coordinado coa intervención que se licita hoxe, facilitándose deste xeito a actuación municipal.

A intervención realízase baixo un criterio de respecto co medio, ao discorrer por unha zona con gran valor ambiental e paisaxístico, a ribeira do río Neira, e cunha orografía moi accidentada.