Inicio / Noticias / A Xunta licita a redacción do Plan estruturante do parque empresarial de Carballiño-Maside por máis de medio millón de euros
10/01/2024 - 02:43

O Carballiño (Ourense), 10 de xaneiro de 2024 A Xunta de Galicia investirá algo máis de 500.000 euros na redacción do plan estruturante de ordenación de solo empresarial (PEOSE) e instrumentos de desenvolvemento e execución do parque empresarial do Carballiño-Maside (Ourense), tal como publica hoxe a Plataforma de contratos públicos de Galicia.

O parque empresarial previsto pola Xunta de Galicia constituirá a ampliación do xa existente na Uceira (O Carballiño) pero emprazarase tanto nos concellos de Maside como no do Carballiño.

Así llo explicou o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, a empresarios e representantes de ambos concellos nun encontro no que lles comunicaron a licitación do contrato e lles ofreceron información sobre a ampliación do parque empresarial.

Inicialmente prevese que o parque empresarial ocupe unha superficie total de máis de 1,2 millóns de metros cadrados dos que algo máis de 230.000 metros cadrados estarán no concello do Carballiño e preto de 990.000 metros cadrados corresponden ao concello de Maside.

A superficie destinada a parcelas é de algo máis de 910.000 metros cadrados. As empresas interesadas en presentar as súas ofertas para acceder ao solo dispoñible poden facelo ata o próximo 16 de febreiro.