Inicio / Noticias / A Xunta licita a redacción dos pregos dos contratos de conservación ordinaria e vialidade invernal nos 5.500 km da rede de estradas autonómicas para os vindeiros anos
30/11/2023 - 02:20

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, vén de licitar a redacción dos pregos que permitirán a licitación dos contratos de conservación ordinaria e vialidade invernal na rede autonómica de estradas de Galicia para os vindeiros anos.

Este contrato foi licitado por importe de 105.567 euros. A través del definiranse os pregos técnicos, un para cada zona da rede de estradas de titularidade da Xunta, que rexerán as condicións dos novos contratos destes servizos, que permiten unha vixilancia e control das estradas para detectar anomalías e corrixilas o antes posible; ademais dun servizo especializado nas actuacións de rehabilitación nas pontes, viadutos e noiros.

O obxectivo final dos contratos é manter os 5.500 km da rede viaria de titularidade da Xunta nas mellores condicións para garantir a seguridade viaria e propiciar desprazamentos máis cómodos e seguros aos usuarios, un dos traballos prioritarios para o Goberno galego.

A ampla extensión da rede viaria autonómica fai necesario establecer 7 áreas diferenciadas para a mellor organización do traballo: as provincias da Coruña, de Lugo e de Pontevedra contan con dúas áreas cada unha, norte e sur; e unha única área na provincia de Ourense.

Obras de paso

Aos 7 pregos habituais para estas 7 zonas, engádese un oitavo prego, dirixido exclusivamente á conservación de obras de paso, é dicir, estruturas como pontes e viadutos da rede autonómica. Trátase de favorecer un servizo que sexa áxil e flexible como ferramenta para realizar labores que son moi especializados e que se considera preciso segregar do resto de labores da conservación.

Así, nos últimos anos, a Xunta vén realizando un seguimento continuo do estado das pontes, viadutos, muros e noiros, do que se derivan actuacións de rehabilitación específicas, en caso de ser necesarias.

Esta medida, na que Galicia é pioneira, está a ser unha ferramenta de grande axuda tendo en conta a orografía, a topografía e a climatoloxía da comunidade, que condicionan, en boa parte, o deseño das infraestruturas viarias.

Neste caso, baixo este contrato, deberán definirse os diferentes tipos de actuacións de reparación e conservación de obras de paso, en función das tipoloxías das infraestruturas existentes e os tipos de danos asociados a elas. Así mesmo, deberán estimar o persoal para realizar este labor, elaborar un orzamento con todas as unidades de obra e medios auxiliares necesarios para realizar estes traballos.

As empresas interesadas na redacción dos contratos licitados hoxe, que contan cun prazo de execución de 5 meses, poderán presentar as súas ofertas ata o 15 de decembro.

O obxectivo do departamento de Infraestruturas da Xunta e ter os pregos redactados no segundo semestre do ano para licitar os contratos novos de conservación a finais de 2024.

A rede viaria de Galicia incrementouse de forma notable nos últimos anos, nos que se fixeron máis patentes, tamén, os efectos do cambio climático e a necesidade de esforzarse en manter as estradas en boas condicións para reducir os riscos.

Nese contexto, o departamento de Infraestruturas da Xunta vai destinar o vindeiro ano un 8% máis de investimento á conservación e mellora da rede viaria autonómica, o que supón elevar en 2024 os recursos destinados a este fin ata os case 53 M€.

Cómpre lembrar que as tarefas de conservación e vialidade invernal realízanse actualmente a través de sete contratos de asistencia, licitados no seu día por 133,5 millóns de euros. Os contratos estarán vixentes ata setembro do vindeiro ano 2025.