Inicio / Noticias / A Xunta mellorará o firme na estrada AC-418 ao paso polo concello de Malpica
28/11/2023 - 02:15

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade acometerá novas obras de mellora do firme na estrada autonómica AC-418 ao paso polo concellos de Malpica.

Esta intervención, adxudicada á empresa Obras Xerais, S.L. por case 50.000 euros, comezará nas vindeiras semanas, cando as condicións meteorolóxicas sexan favorables.

As obras consisten na rehabilitación do firme na contorna do punto quilométrico 15+000, en Malpica, no treito da estrada máis próximo ao núcleo urbano.

As actuacións consistirían, concretamente, no fresado e reposición de 5 centímetros da capa de rodaxe do firme no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 15+000 e 15+870 da vía autonómica.

A Intervención de rehabilitación de firme levarase a cabo no ancho completo dos carrís cunha capa de mestura bituminosa en quente.

O Goberno galego continúa a traballar para manter as vías de titularidade da Xunta nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria aos usuarios, destinando o vindeiro ano 53 M€ á súa conservación.