Inicio / Noticias / A Xunta pon unha explotación de mazá para sidra na Estrada como exemplo da diversificación produtiva do rural galego e a súa mecanización
03/10/2023 - 03:52

A Estrada (Pontevedra), 3 de outubro de 2023

O conselleiro de Medio Rural, José González, visitou hoxe unha explotación de mazá para sidra da Estrada (Pontevedra), onde salientou a aposta que se está a facer dende o goberno autonómico pola diversificación produtiva do rural galego. O conselleiro estivo acompañado esta mañá polo alcalde da localidade, José López; e polo director xeral da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias, José Balseiros.

Na visita á explotación propiedade de Mónica Brey, a quen felicitou o conselleiro polo seu labor, José González salientou que nesta explotación dispoñen dunha pioneira máquina recolectora que permite axilizar un traballo que se viña facendo a man. Este tipo de melloras son un exemplo de que a Xunta segue a impulsar o rural coa aposta pola mecanización e a aplicación ao agro do I+D+I.

O conselleiro destacou á Estrada como un dos concellos de referencia na produción de mazás para sidra, xa que se recollen anualmente arredor dun millón e medio de quilos desta froita en ata 100 hectáreas de superficie. No caso desta explotación, a súa superficie total supera as nove hectáreas, das cales arredor de sete se adican ao cultivo de mazá.

Incorporación de mozos

Neste sentido, destacou que Brey é unha dos case 4.500 mozos que se incorporaron ao agro dende 2009 con axudas da Xunta de Galicia. Así, dende 2009 investíronse máis de 132 millóns de euros nestas subvencións que o conselleiro definiu como “indispensables” para potenciar o noso tecido agrario e incrementar a competitividade das explotacións. Nesta liña, sinalou que a convocatoria deste ano destinou case 15 millóns de euros, aumentando de novo o seu orzamento, para seguir rexuvenecendo a poboación activa no rural, xerando riqueza e fixando poboación.

Recuperación da terra agraria

O titular de Medio Rural aproveitou a ocasión para resaltar os esforzos en recuperar terra para poñela en produción, xa sexa con destino á produción de sidra, como é neste caso, ou para calquera outro cultivo. Nesta liña, salientou a creación dun polígono agroforestal no veciño concello de Cerdedo-Cotobade que permitirá duplicar a superficie destinada á produción de mazá de sidra nesta comarca de Tabeirós-Terra dos Montes.

O proxecto, explicou, atópase en fase de redacción para permitir a mobilización de preto de 68 hectáreas neste polígono, dando resposta así á demanda de base territorial por parte dos produtores de mazá e das cinco sidrarías asentadas nesta zona.

Este polígono agroforestal enmárcase na Lei de recuperación da terra agraria, coa que xa se mobilizaron arredor de 35.000 hectáreas en toda Galicia. Isto é posible grazas a ferramentas como os polígonos agroforestais, pero tamén a outras como as aldeas modelo, as agrupacións de xestión conxunta ou as permutas de especial interese agrario, sumadas ás concentracións parcelarias.

Produtos de calidade

O conselleiro de Medio Rural tamén quixo destacar a Lei da calidade alimentaria de Galicia, unha norma que se atopa en trámite no Parlamento, e que ten por obxectivo conseguir que os produtos alimentarios galegos -entre eles, a sidra- alcancen unha nova dimensión no mercado.

Esta lei, afirmou, quere acadar para este produtos unha dimensión máis atractiva para a cidadanía e, en consecuencia, favorecer tamén o desenvolvemento local, a creación de emprego e a diversidade produtiva de Galicia.