Inicio / Noticias / A Xunta propón retomar o convenio remitido en novembro do 2018 para impulsar conxuntamente a estación intermodal da Coruña
09/08/2019 - 08:16

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2019.- A Xunta e o Concello da Coruña mantiveron hoxe en Santiago un encontro de traballo previo á reunión que manterán co Adif o vindeiro mes de setembro, na que a administración autonómica propuxo retomar o convenio remitido en novembro de 2018 ao anterior goberno local e á administración ferroviaria para impulsar conxuntamente a estación intermodal da cidade.

Na reunión convocada en Santiago pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, e na que participaron o director Xeral de Mobilidade da Xunta, Ignacio Maestro, e o concelleiro de Mobilidade da Coruña, Juan Díaz Villoslada, o Concello manifestou o seu acordo coa proposta da Xunta de recuperar as negociacións para a firma do protocolo e establecer as bases do reparto de responsabilidades de cada Administración. Conversas que continuarán na reunión xa programada co Adif.

No encontro de hoxe, ambas administracións trasladaron os traballos que están a desenvolver e abundaron nas cuestións máis técnicas e que requiren dunha coordinación e dun cronograma que axilice o desenvolvemento da estación intermodal da Coruña.

A Administración autonómica incidiu así na importancia do acordo do Concello no seu deseño tanto desde o punto de urbanístico como da súa funcionalidade. E, neste sentido, abordaron as diferentes opcións de adaptación do Planeamento urbanístico que pode ser realizado a través dunha modificación puntal do PXOM ou mediante o procedemento previsto na Lei 3/2016 de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese.

O departamento de Mobilidade da Xunta informou tamén dos progresos na redacción proxecto da terminal de autobuses integrada na estación intermodal, coa previsión de dispor en 2020 do documento técnico completo que permita licitar estas obras.

O Goberno galego financiará a execución da terminal de autobuses integrada na estación intermodal da Coruña con fondos propios, e así vén recollido nos orzamentos da Xunta para 2019.