Inicio / Noticias / A Xunta publica hoxe a convocatoria dos actos expropiatorios para a mellora de 55 paradas de autobús en estradas autonómicas de acceso á cidade da Coruña
03/10/2023 - 04:23

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) e no Boletín Oficial da Provincia da Coruña, a convocatoria, para este mes de novembro e o vindeiro mes de xaneiro, dos propietarios dos terreos necesarios para actuar na mellora da accesibilidade e conectividade de 55 paradas de autobús situadas nas estradas autonómicas da zona oeste de acceso á cidade da Coruña.

Estas obras, xa adxudicadas e que suporán un investimento de case 1,4 M€, permitirán actuar nas paradas situadas nas estradas autonómicas AC-400, AC-413, AC-414, AC-418, AC-424 e AC-552. En detalle, no concello de Arteixo, melloraranse 26 paradas; no concello da Coruña 3; en Culleredo 12; en Carballo 9; en Cerceda 2; en Malpica 1 e en Ponteceso 2.

Para levar a cabo o acondicionamento deste conxunto de 55 paradas de autobús, situadas en 6 estradas autonómicas ao paso por 7 concellos das comarcas da Coruña e de Bergantiños, faise necesario a expropiación de distintos predios situados nos municipios de Carballo, Culleredo, Ponteceso, Arteixo e Cerceda.

No resto das paradas as melloras realízanse en zona de dominio público das estradas de titularidade da Xunta, polo que non é necesario o proceso expropiatorio.

Segundo recolle hoxe o Diario Oficial de Galicia, o acto de levantamento de actas previas á ocupación dos terreos situados nos municipios de Carballo e de Culleredo fíxase para o día 6 de novembro, e no caso dos predios localizados nos concellos de Ponteceso, Arteixo e Cerceda para o día 7 de novembro. En todos os casos, cítanse aos propietarios no salón de plenos das respectivas Casas do Concello.

Para o mes de xaneiro están convocados os actos de pagamento de depósitos previos e de formalización das actas de ocupación. En concreto, en Carballo e Culleredo convócanse para o día 24, e nos concellos de Ponteceso, Arteixo e Cerceda fíxanse para o día 25 de xaneiro.

No seguinte enlace ao DOG pode consultarse toda a información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20231003/AnuncioG0181-220923-0002_gl.html

As intervencións

As intervencións consistirán no acondicionamento dos carrís para a parada do autobús, a mellora da accesibilidade e a pavimentación da contorna coa execución de sendas ou beirarrúas.

Tamén se inclúe a instalación de novas marquesiñas ou a colocación de varandas para protexer aos usuarios onde haxa desniveis.

Estas tarefas enmárcanse no Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas autonómicas para a mellora de 1.100 paradas en toda Galicia cun investimento previsto de arredor de 35 M€.

Os proxectos están financiados ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea–Next Generation EU e enmárcase no Plan de infraestruturas da Xunta para unha mobilidade segura, verde e intelixente.