Inicio / Noticias / A Xunta publica no DOG a convocatoria para o ano 2024 das probas para exercer como xestor de transporte de viaxeiros ou de mercadorías por estrada
20/11/2023 - 03:45

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2023

A Xunta publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria para o vindeiro ano das probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor en empresas de transporte por estrada, de viaxeiros e de mercadorías.

No ano 2024, as persoas interesadas disporán de ata tres chamamentos para a realización do correspondente exame, no primeiro, segundo e terceiro cuadrimestre do ano, respectivamente.

No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a este anuncio: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20231120/AnuncioG0533-101123-0001_gl.html

Nesta convocatoria que se vén de publicar ábrense tres períodos de inscrición: un desde mañá e ata o 31 de xaneiro de 2024; outro entre o 1 de febreiro e o 1 de maio; e o terceiro desde o 2 de maio ao 1 de setembro.

Prevese que os exames se leven a cabo entre o 1 de febreiro e o 30 de abril; entre o 2 de maio e o 31 de agosto; e entre o 2 de setembro e o 31 de decembro, respectivamente, sendo convocados os inscritos previamente.

A convocatoria destas probas correspóndelle á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, podendo presentarse a elas aquelas persoas con residencia habitual en Galicia.

Os exames constarán de dúas probas, unha teórica e outra práctica, de dúas horas de duración cada unha, e realizaranse de xeito continuado, unha seguida da outra. Ademais, as probas efectuaranse en ordenador, contestando un cuestionario que será individualizado para cada aspirante.

Cómpre lembrar que a Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres, esixe reunir o requisito da competencia profesional para exercer a función de transportista por estrada.