Inicio / Noticias / A Xunta publica no DOG o sometemento a información pública do anteproxecto para completar a rede de drenaxe da estrada PO-223, no concello de Pontevedra
03/11/2023 - 04:24
A Xunta publica no DOG o sometemento a información pública do anteproxecto para completar a rede de drenaxe da estrada PO-223, no concello de Pontevedra

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2023

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o anuncio polo que se somete a información pública o anteproxecto de modificación da rede de drenaxe da estrada PO-223, no concello de Pontevedra.

 

No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a este anuncio: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20231103/AnuncioG0181-261023-0001_gl.html

 

O obxectivo é definir as actuacións necesarias para dotar de continuidade os diferentes treitos de colector lonxitudinal de drenaxe de augas pluviais da marxe dereita da estrada PO-223, entre os puntos quilométricos 3+640 e 4+450.

 

Cómpre lembrar que a Xunta está a executar nese mesmo tramo da PO-223 unha senda entre O Couso e Sobral e outra na PO-224, na San Andrés de Xeve, prevendo a instalación dun colector de drenaxe nunha parte do tramo, pero non no treito completo.

 

Neste sentido, as actuacións contempladas no anteproxecto permitirán completar a rede drenaxe xa prevista na obra en curso para a construción da senda, podendo conducir as augas desde o punto quilométrico 4+460 ata a seguinte obra de drenaxe existente augas abaixo no punto 3+600.

 

Esta intervención fará necesaria a expropiación de terreos, polo que unha vez dispostos, no primeiro semestre de 2024 prevese contratar a execución desta obra, que se levará a cabo de xeito coordinado coa obra da senda da PO-223.

 

Con esta actuación, que evita a escorrenta de augas pluviais a unha parcela destas inmediacións, a Xunta tamén cumpre o disposto nunha sentenza xudicial emitida o ano pasado.

 

O Diario Oficial de Galicia, ademais do anuncio do inicio do trámite de información pública necesario para executar a intervención, tamén fai pública a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto.

 

O prazo establecido para presentar alegacións ao citado anteproxecto será de 30 días hábiles contados a partir de mañá.