Inicio / Noticias / A Xunta realiza traballos de mellora do firme na estrada OU-193 en Cortegada, que supoñen un investimento de 200.000 €
26/07/2022 - 03:29
A Xunta realiza traballos de mellora do firme na estrada OU-193 en Cortegada, que supoñen un investimento de 200.000 €

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a realizar traballos de mellora do firme na estrada OU-193, no concello de Cortegada, cun investimento autonómico de arredor de 200.000 €.

 

A actuación estase a facer mediante regas asfálticas desde o inicio da dita estrada autonómica e ao longo dun treito de preto de 5 quilómetros, ata o quilómetro 4+640.

 

Os traballos lévanse a cabo con medios da conservación de estradas da Xunta de Galicia na provincia de Ourense.

 

As obras teñen unha duración estimada de 10 días, polo que estarán rematadas a comezos do mes de agosto.

 

Esta intervención súmase a outras impulsadas pola Xunta neste concello ourensán, como a beirarrúa executada recentemente no Casal, tamén na OU-193, na que se investiron 48.337 €; ou o reforzo do firme que se vai levar a cabo este ano na estrada OU-801, con algo máis de 150.000 € de investimento previsto no concello de Cortegada.

 

A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.