Inicio / Noticias / A Xunta recibe 16 ofertas para executar as obras da terminal de autobuses e do aparcadoiro subterráneo da estación intermodal de Lugo
11/01/2024 - 03:32

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2024 A Xunta recibiu 16 ofertas para executar as obras da terminal de autobuses e do aparcadoiro subterráneo da estación intermodal de Lugo.

Das 16 ofertas presentadas para executar estas obras, 7 delas están conformadas por UTE, o que suma un total de 23 empresas.

As actuacións, licitadas por preto de 20 millóns de euros, correspóndense coas intervencións recollidas no convenio de colaboración entre a Xunta, o Concello de Lugo e Adif para o desenvolvemento da nova área de transporte intermodal de Lugo, que suporá un investimento global de case 50 M€.

A obra conxunta da terminal de autobuses e do aparcadoiro subterráneo da estación ferroviaria integrada na área de transporte intermodal de Lugo, que acometerá a Xunta, terá un prazo de execución de 25 meses.

A previsión é iniciar as obras nesta primavera, de xeito coordinado cos traballos da estación do ferrocarril, que lle corresponde executar a Adif.

As obras obxecto de contratación

O proxecto da estación de autobuses intermodal da Xunta inclúe as actuacións necesarias para a construción da terminal próxima á de ferrocarril, na que os autobuses e os viaxeiros poden acceder á mesma cota.

Construirase un edificio de viaxeiros e unha zona de dársenas con capacidade para 18 autobuses, máis 5 de regulación.

A terminal terá unha superficie de 550 m2 e distribuirase en dous andares. Na cota de dársenas disporase un interior con espazos diáfanos no que se atopen as zonas de atención a viaxeiros ou a cafetería e o andar superior destinarase a usos administrativos e instalacións da xerencia da terminal.

Os autobuses accederán ás dársenas a través dun novo viaduto que conectará coa glorieta existente da rúa Paradai de Arriba, e os viaxeiros a través da entrada principal do edificio.

A estación de autobuses construirase sobre un novo aparcadoiro subterráneo para turismos, proxecto redactado por Adif para a área intermodal, que responde principalmente ás necesidades ferroviarias, de 240 prazas de estacionamento e 8 máis para persoas con mobilidade reducida.

A execución por parte da Xunta destes 2 proxectos nun único contrato está motivado pola complexidade na coordinación técnica e administrativa ao executar ambas as obras de forma coincidente no tempo e no espazo.

Ademais, esta única licitación simplifica operacional e funcionalmente a coordinación de actividades, tanto desde o punto de vista de orde e optimización dos recursos, como de seguridade nas obras.

O proxecto da intermodal de Lugo será cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, a través do programa operativo Feder Galicia 2021-2027.