Inicio / Noticias / A Xunta recibe 5 ofertas para completar a mellora integral da estrada autonómica PO-235 ao paso polo concello da Lama
13/01/2024 - 12:00
Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2024
 
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recibiu cinco ofertas de empresas para executar as obras que completarán a mellora integral da estrada PO-235 no concello da Lama.

Esta intervención, cun orzamento global de 3,9 M€, permitirá a execución da 3ª fase de acondicionamento desta estrada autonómica ao longo de case 7 quilómetros, entre a parroquia de Seixido e ata A Portela da Cruz, xa no límite coa provincia de Ourense.  

Esta actuación na PO-235 ten como obxectivo mellorar as condicións de circulación, facilitando desprazamentos máis cómodos e seguros.

Para iso actuarase no treito de 7 quilómetros da PO-235, comprendido entre o quilómetro 18+100, á altura da parroquia de Seixido, e ata A Portela da Cruz, no quilómetro 25 da estrada.

Os traballos consistirán na ampliación da plataforma ata acadar os 7 metros de ancho. Isto significa que a vía disporá de 2 carrís cun ancho de 3 metros e beiravías de 0,5 metros en cada marxe, ademais de cuneta transitable de 1,50 metros. Agora mesmo a estrada nese treito ten estreitamentos que dificultan o cruce de vehículos, cun ancho máximo de 5,60 metros, un problema que quedará solucionado con esta intervención.

Tamén se mellorará o trazado en distintas curvas ao longo do tramo no que se vai a actuar. Actualmente a estrada é sinuosa, con curvas de radio reducido e incluso con curvas consecutivas ao longo de 1 quilómetro. A este respecto, e co obxectivo de facilitar a circulación e diminuír o risco de sinistralidade, procederase á rectificación daquelas de menor radio.

A intervención tamén incluirá a renovación do firme da estrada e a capa de rodaxe, así como a adaptación da drenaxe transversal da plataforma con tres puntos principais de evacuación.

Ademais, procederase ao revestimento de cunetas e á renovación do tendido, sinalización vertical e horizontal, balizamento e defensas.

As actuacións contan cun prazo de execución de 12 meses. Os actos expropiatorios dos terreos necesarios para levar a cabo a intervención están xa convocados para os vindeiros meses de febreiro e de marzo.

En concreto, os actos para o levantamento das actas previas á ocupación están convocados para os vindeiros días 6, 7, 8, 13, 14 e 15 de febreiro, das 09,00 ás 14,00 horas, na Casa do Concello da Lama. A formalización das actas de ocupación levarase a cabo os días 19, 20 e 21 de marzo, no mesmo horario e no mesmo lugar.