Inicio / Noticias / A Xunta recibe 7 ofertas para executar unha senda e unha pasarela baixo a vía do tren na estrada AC-840 no concello de Oza-Cesuras
18/01/2024 - 02:24

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2024

A Xunta recibiu 7 ofertas de empresas para executar unha senda e pasarela baixo a vía do tren na estrada AC-840, no concello de Oza-Cesuras.

Esta actuación, que suporá un investimento de 1,26 M€, ten como obxectivo a mellora da mobilidade peonil e da seguridade viaria na vía autonómica.

A través do contrato licitado darase solución ao estreitamento nesta vía á altura do quilómetro 8+280, no paso baixo o ferrocarril. Neste punto agora mesmo só hai espazo para a circulación de vehículos, de xeito que calquera persoa que queira pasar andando ten que facelo pola estrada.

A solución deseñada consiste en habilitar un paso exclusivo e seguro para os usuarios máis vulnerables da estrada, como son os peóns e ciclistas non deportivos, favorecendo a mobilidade das persoas con maiores dificultades.

As obras obxecto de contratación

En concreto, executarase un itinerario diferenciado dos carrís de circulación e con conexión coas beirarrúas a ambos lados do paso baixo o ferrocarril, o que redundará en maior seguridade nesa contorna.

O itinerario terá unha lonxitude total de 128 metros, en sección de senda mixta, para peóns e ciclistas non deportivos, cun ancho variable, entre os 2,5 e os 4 metros.

A senda terá dous treitos diferenciados: por unha banda, unha rampla paralela á vía do tren, para salvar a altura entre a cota de entrada do paso e a do viario de servizo e que se sosterá cun muro de formigón armado lateral; e por outra banda, outro treito que será o paso baixo o tren cunha estrutura de formigón armado de 22 metros, dividida en dous módulos. O itinerario continuará paralelo ao noiro existente ata o camiño de servizo que empata coa AC-840.

A solución deseñada ten a vantaxe de que permite evitar afeccións significativas durante a execución das obras ao tráfico viario na propia estrada AC-840 e tamén ao tráfico ferroviario.

Esta actuación enmárcase no acordo de colaboración asinado pola Xunta e o Concello de Oza-Cesuras, ante a inviabilidade de chegar a un acordo co Ministerio de Transportes e con Adif para a execución e financiación do paso baixo a vía do tren.

O proxecto obxecto deste contrato tamén inclúe a dotación de iluminación en todo este treito e a execución de rede de drenaxe de pluviais.