Inicio / Noticias / A Xunta recibe 8 ofertas para executar a mellora de firme nas estradas PO-510 e PO-400 nos concellos do Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño e As Neves, cun investimento de 985.000€
22/05/2021 - 12:43

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2021.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recibiu un total de 8 ofertas para executar as obras de mellora do firme nas estradas PO-510 e PO-400, ao seu paso polos concellos do Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño e As Neves, que suporán un investimento de 985.000 euros.

Na estrada PO-510 os traballos desenvolveranse entre os puntos quilométricos 0+000 e 15+750. Entre os puntos quilométricos 0+200 e 2+700, a estrada PO-510 atravesa o polígono industrial das Gándaras, polo que ten un importante tránsito de vehículos pesados. Para mellorar o seu estado, proxéctase un recrecido e unha ampliación da plataforma, ademais da posta a cota dos pozos de rexistro.

Na estrada PO-400 a intervención acometerase entre os puntos quilométricos 2+300 e 4+800, efectuando o fresado e a reposición do firme. No treito entre os puntos quilométricos 2+300 e 3+900 executarase un reforzo do firme incrementando o paquete existente en toda a plataforma.

Tamén se aproveitarán estes traballos para reforzar a seguridade viaria co acurtamento dun dos terceiros carrís de adiantamento, nuns 100 metros de lonxitude, a renovación dos captafaros e a disposición de balizas.

Ademais, na zona de Budiño, no Porriño, reconfigurarase a sinalización horizontal para permitir xiros á esquerda en camiños públicos que poidan dar servizo aos veciños.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na mellora e conservación da rede viaria autonómica coa fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas seguras e eficientes.