Inicio / Noticias / A Xunta remítelle ao concello de Vigo o convenio asinado para o financiamento dos accesos á estación intermodal e ao centro Vialia, cun orzamento de máis de 10,7 millóns de euros
08/06/2018 - 06:36

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2018.- A Xunta remítelle ao Concello de Vigo o convenio para a execución dos accesos á estación intermodal e ao Centro Vialia. O Goberno galego e Adif xa asinaron este acordo de colaboración, polo que agora debe firmalo tamén a Administración local.

O Consello da Xunta aprobou recentemente a sinatura do convenio de colaboración entre o Goberno galego, o Concello de Vigo e o Ministerio de Fomento, a través de Adif, para o cofinanciamento destes accesos, cun investimento conxunto de máis de 10,7 millóns de euros.

Esta actuación ten como obxectivo a comunicación da nova terminal de autobuses, a estación de ferrocarril e o Centro Vialia coa súa contorna urbana inmediata para facilitar os desprazamentos.

O obxectivo é eliminar o tapón que supón para o tráfico urbano a limitación de gálibo existente na rúa Alfonso XIII, imposto polo viaduto de acceso á AP-9. Para iso, construirase un vial soterrado que comunique a rúa Lepanto coa AP-9, pasando baixo a praza da estación e a parcela da futura terminal de autobuses.

Eses accesos, que serán cofinanciados entre as tres administracións, supoñen unha importante mellora para o tecido urbano de Vigo, cunha reorganización do tráfico que optimizará a súa fluidez.

A Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, licitará, adxudicará, executará e dirixirá as obras de conexión do ramal da AP-9 coa estación de autobuses e da rúa Lepanto coa AP-9, así como do tramo de falso túnel entre a terminal, Vialia e a autoestrada. Ademais financiará a execución relativa ás obras das instalacións e balizamentos.

A Adif correspóndelle redactar e aprobar a redacción do proxecto de trazado e de construción dos accesos e financiar as obras do citado treito de falso túnel e do túnel da rúa Lepanto- AP-9 e Lepanto- estación de autobuses. Tamén se encargará de licitar, adxudicar e executar o proxecto da conexión Vialia- AP-9 e financiar as actuacións das instalacións e balizamentos.

O Concello deberá licitar, adxudicar e executar a conexión do túnel de Lepanto coa AP-9, no tramo entre a primeira e a estación de autobuses, demoler o paso elevado da rúa Lepanto e financiar obras de instalacións e balizamentos.

O Goberno galego achegará desta forma ao proxecto 1,7 millóns adicionais aos 12,3 millóns de euros xa previstos para a construción da nova estación de autobuses intermodal. Desa forma, a Xunta investirá 14 millóns de euros na estación intermodal de Vigo.

A Xunta e o Ministerio de Fomento, a través do Adif, integraron o conxunto nun único proxecto para a súa tramitación na Xunta de Galicia a través da Lei 3/2016, de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou excepcional interese, coa fin de obter a autorización urbanística necesaria para a súa execución.

Desta forma garántese a execución do proxecto estratéxico para Vigo nun contexto marcado pola anulación xudicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo, que tivo lugar en decembro de 2015. A cidade non ten polo momento un novo Plan xeral.

O Executivo autonómico está a apostar pola intermodalidade en Galicia, a través do deseño de infraestruturas funcionais, eficientes e estéticas que permitan un intercambio áxil e seguro entre os distintos modos de transporte.