Inicio / Noticias / A Xunta remata a execución da nova senda peonil na estrada PO-548 na parroquia de Cordeiro do concello de Valga, cun investimento de 780.000€
18/01/2024 - 13:14
A Xunta remata a execución da nova senda peonil na estrada PO-548 na parroquia de Cordeiro do concello de Valga, cun investimento de 780.000€

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2024

A Xunta vén de rematar a execución da nova senda peonil na estrada PO-548 na parroquia de Cordeiro do concello de Valga, que supuxo un investimento global de 780.000 euros, tendo en conta a execución dos traballos e as expropiacións necesarias.  

O itinerario habilitouse entre os puntos quilométricos 2+970 e 3+200 desta estrada PO-548, que une Pontecesures e Catoira, ao seu paso polo municipio de Valga.

A senda, cunha lonxitude de 230 metros, complementouse coa continuidade dun viario municipal anexo.

A nova senda, que está financiada cos fondos REACT-UE, parte do itinerario existente na vía autonómica PO-548 e discorre pola marxe esquerda ata o cruce coa pista municipal á que se lle deu continuidade para mellorar os servizos de conexión.

O obxectivo da actuación é reforzar a seguridade dos veciños que se desprazan a pé por esta vía, que ten moito tráfico de vehículos e peonil, posto que une a igrexa de Santa Columba, o colexio Xesús Ferro Couselo e o pavillón municipal.

A intervención tamén supuxo a execución de dúas pasarelas para favorecer o tránsito peonil seguro ao longo de todo o percorrido.

Por unha banda, habilitouse unha pasarela metálica na proximidade da igrexa de Santa Columba de Cordeiro, de 21 metros de lonxitude e case 3 metros de anchura, sobre o río Louro. Tamén se ampliou o paso sobre ese río, aumentando a plataforma da calzada cun forxado de chapas metálicas sobre trabes e construíndo catro muros de contención para asentar e fixar o terreo cunhas condicións idóneas de seguridade.

A intervención completouse coa reordenación do tráfico na intersección no punto quilométrico 3+910, para favorecer o cambio de sentido, impedindo a realización de movementos que provocan situacións de risco e reforzando a seguridade viaria.