Inicio / Noticias / A Xunta remata as obras da senda peonil na estrada OU-301 que facilita a conexión coa capitalidade de Bande
08/12/2023 - 12:39
A Xunta remata as obras da senda peonil na estrada OU-301 que facilita a conexión coa capitalidade de Bande

Santiago de Compostela, 8 de decembro de 2023

A Xunta vén de rematar as obras da senda peonil na estrada OU-301 no concello de Bande.

 

A intervención, cun investimento de preto de 50.000 euros, permitiu habilitar dous tramos de senda peonil na marxe esquerda da vía autonómica, entre os puntos quilométricos 27+550 e 27+850, dando continuidade ás beirarrúas existentes e facilitando a conexión coa capitalidade de Bande.

 
A nova senda dispón dunha anchura de 2 metros e bordo de formigón.
 

O primeiro treito executouse no punto quilométrico 27+560, rematándose no 27+645. A partir dese punto e ata o quilómetro 27+800 existían beirarrúas, polo que desde ese punto e ata o quilómetro 27+845 executouse o segundo treito de nova beirarrúa.

 

No punto quilométrico 27+575 demoleuse un sifón que cruzaba a estrada e foi reconstruído para deixar o espazo necesario para non interromper o itinerario da nova senda.

 

No segundo tramo, entre os puntos 27+560 e 27+645, foi preciso construír un muro de contención de bloques de pedra granítica, duns 3 metros de altura, que permitiu dar continuidade á beirarrúa.

 

Como obras complementarias, acondicionouse e mellorouse a accesibilidade no tramo de beirarrúa existente intermedio, dotándoa de baldosa podotáctil, rebaixando os encontros e ampliando a beirarrúa onde era necesario e posible.

 

Esta nova actuación da Xunta ten como obxectivo favorecer a mobilidade dos veciños de xeito máis seguro, cómodo e sostible.