Inicio / Noticias / A Xunta somete a información pública o proxecto de mellora de 62 paradas de autobús en estradas autonómicas nas rutas de acceso a Santiago, que suporá un investimento de máis de 1 M€
01/12/2023 - 12:40

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de mellora de 62 paradas de autobús situadas en estradas autonómicas nas rutas de acceso polo suroeste á cidade de Santiago. 

A Xunta destinará un investimento de máis de 1 millón de euros ás intervencións nestas paradas de autobús. 

As persoas interesadas poderán presentar as súas achegas a este proxecto no prazo de trinta días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación deste anuncio, é dicir, ata o vindeiro 18 de xaneiro.  

No seguinte enlace ao Diario Oficial de Galicia tamén se pode consultar a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20231201/AnuncioG0181-221123-0001_gl.html 

As obras desenvolveranse nas estradas AC-550, AC-543 e AC-305. Actuarase, concretamente, no municipio da Pobra do Caramiñal en 3 paradas; en Boiro, en 6; en Carnota, en 5; en Dodro, en 2; en Muros, en 11; en Noia, en 6; en Outes, en 4; en Porto do Son, en 11; en Rianxo, en 3; e en Ribeira, en 11. 

As actuacións consisten, entre outras, na mellora dos apartadoiros para os autobuses e as súas cuñas de entrada e saída, así como no acondicionamento dos itinerarios peonís. Tamén se realizarán melloras do pavimento nas contornas das paradas. 

O proxecto abrangue a colocación de refuxios deseñados pola Dirección Xeral de Mobilidade,  maioritariamente de tipo urbano, agás casos puntuais que serán de tipo rural, en función do lugar onde se encontre a parada, mellorando o equipamento, con postes, bancos ou apoio isquiático.

 Como obras complementarias adecuarase a drenaxe ao trazado actual, instalarase unha canalización para servizos a todo o largo da actuación, executaranse muros de colleira e disporanse varandas metálicas.

Con estas melloras preténdese fomentar o uso do transporte público, diminuíndo os movementos de corto e medio percorrido en transporte privado, con orixe e/ou destino nas cidades de maior poboación. 

Estas intervencións son susceptibles de financiación con fondos FEDER do período operativo 2021/2027 e súmanse ás financiadas ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea–Next Generation EU. 

A Xunta ten previsto actuar en máis de 1.100 paradas das estradas autonómicas cun investimento global de arredor de 35 M€.