Inicio / Noticias / A Xunta somete a información pública o proxecto de mellora de seguridade da estrada PO-531 ao paso pola parroquia de Campañó, no concello de Pontevedra
16/10/2023 - 06:01

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2023 A Xunta somete a información pública o proxecto de mellora de seguridade da estrada PO-531 ao paso pola parroquia de Campañó, no concello de Pontevedra.

O Diario Oficial de Galicia publica o anuncio polo que comeza o trámite de información pública para o proxecto de mellora desta vía autonómica, no treito entre a PO-310 e a VG-4.8. O DOG tamén fai pública a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto.

No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a este anuncio: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20231016/AnuncioG0181-041023-0001_gl.html

O Goberno galego destinará un orzamento de preto de 900.000 € a estas obras que contribuirán á mellora de seguridade neste tramo, especialmente para os peóns.

O proxecto contén un conxunto de actuacións entre as que se atopan a transformación da intersección coa estrada PO-310, situada no punto quilométrico 3+200, nunha glorieta. Acometerase unha rotonda cun diámetro exterior de 30 metros e un diámetro interior de 8, con dous carrís e dúas beiravías.

Tamén se prevé a execución de sendas peonís en ambas as marxes da estrada PO-531, entre a nova glorieta e a VG-4.8.

Entre as actuacións deseñadas, proxéctase a eliminación dos xiros á esquerda con carrís centrais de espera entre as dúas glorietas.

Ademais procederase ao acondicionamento da intersección na marxe esquerda no punto quilométrico 3+450, de acceso ao colexio CEIP Campañó. Tamén se habilitarán neste punto dúas zonas de aparcadoiro, nas proximidades da estrada PO-531.

Cómpre lembrar que unha vez iniciado o trámite de información pública, coa publicación hoxe no DOG, o prazo para presentar alegacións será de 30 días hábiles contados a partir de mañá.