Inicio / Noticias / A Xunta somete a información pública o proxecto do itinerario peonil e ciclista na estrada PO-531, entre A Devesa e Bretoña, nos concellos de Pontevedra e Barro
05/03/2018 - 12:07

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2018.- A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete a información pública o proxecto do itinerario peonil e ciclista na estrada PO-531, no treito entre A Devesa e Bretoña, nos concellos de Pontevedra e de Barro.

O prazo para presentación de informes e alegacións abranguerá dende mañá ata o vindeiro 18 de abril.

Trátase do primeiro dos 8 proxectos que está a desenvolver a Xunta no marco do Plan de sendas na comarca de Pontevedra, que contempla un investimento de 3 millóns de euros para a construción de itinerarios seguros e sustentables.

O proxecto define a execución de dous tramos de senda que suman 3,4 km, na marxe esquerda da estrada, entre a intersección coa estrada da Deputación a Sabarís e A Devesa, que permitirá comunicar os núcleos de Sabarís, Bispo e A Devesa, no Concello de Pontevedra; e na esquerda, entre Bretoña e Ponte de Curro, no Concello de Barro.

A senda iníciase na glorieta executada pola Xunta en 2017 no acceso ao polígono de Sequeiros e finaliza na glorieta coa estrada da Deputación a Ponte do Curro. Nos últimos 300 m antes desta glorieta prevese tamén a construción de senda pola marxe dereita. Ademais, executarase unha semiglorieta na intersección coa PO-224 e outra no acceso a Bretoña.

A sección tipo consta dunha senda en formigón coloreada de 2 m de ancho, incluído o bordo de separación, á que se engade nos tramos nos que o espazo dispoñible o permite unha banda axardinada e unha cuneta tendida de seguridade.

Outras actuacións de mellora

Cómpre lembrar que no tramo situado entre estas dúas sendas, a Xunta ten levado nestes dous últimos anos importantes actuacións de rehabilitación do firme e está previsto licitar neste ano outra obra de mellora doutra intersección.

No treito entre os pp.qq 7+700 e 8+350, en 2017 a AXI acometeu a reordenación e mellora do acceso ao polígono de Sequeiros (Barro) e da súa contorna, cuxa actuación máis destacada foi a execución dunha glorieta.

Para continuar coa mellora das interseccións neste tramo intermedio entre as sendas, o Goberno galego someteu a información pública outro proxecto para a mellora da seguridade viaria na PO-531 na Devesa.

O proxecto define a execución dunha glorieta no p.q. 7+150 da PO-531, no Concello de Pontevedra, á saída do núcleo da Devesa, a pouco máis de 200 m do punto no que finaliza o primeiro tramo da senda que se somete a información pública.