Inicio / Noticias / A Xunta ultima as obras do novo itinerario peonil de Arbo, que supón un investimento autonómico de máis de 1 M€
24/10/2023 - 05:46
A Xunta ultima as obras do novo itinerario peonil de Arbo, que supón un investimento autonómico de máis de 1 M€

Arbo (Pontevedra), 24 de outubro de 2023 O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá unha importante obra de construción dun itinerario peonil que se está a realizar no concello de Arbo, en concreto, no antigo trazado da PO-400, e que afronta a fase final da súa execución.

A actuación, que abrangue máis de un quilómetro da estrada (do p.q. 23+400 ao 24+600), conta cun investimento total de máis de un millón de euros e busca fomentar a mobilidade sostible e saudable dos veciños e veciñas da zona.

A obra inclúe a mellora do firme da calzada e a súa ampliación ata os seis metros de ancho. Ademais, a senda construída contará cun ancho mínimo de 1,8 metros para garantir a seguridade dos usuarios. Tamén se construirá un muro de catro metros de altura nas zonas que o precisen.

O delegado territorial destacou a gran aposta da Xunta por esta obra que
“mellorará substancialmente a calidade de vida da veciñanza e achegará unha nova alternativa de para os desprazamentos e un lecer saudable en Arbo”.

Cabe destacar que a Xunta de Galicia aproveitou esta obra para resolver distintas necesidades da zona. Así, os traballos inclúen tamén a ampliación do pontón de mampostería coa instalación dunha pasarela metálica por onde pasará o tránsito peonil;   a mellora do saneamento e do abastecemento de auga potable coa instalación de distintas tubaxes tamén baixo a senda; a mellora do alumeado público, coa colocación de novos puntos de luz; e a habilitación de dúas paradas de bus con marquesiña.

Reguera trasladou ao alcalde as súas boas sensacións coa obra que se está a levar a cabo e que é “de gran importancia e relevancia para este concello”. O delegado lembrou que o fomento da mobilidade sostible é “unha prioridade para o Goberno autonómico” e instou a todos os arbenses a estrear a nova senda en canto sexa posible.