A Estrada (Pontevedra), 15 de novembro de 2024
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asistiu na mañá ao cros zonal da Estrada que tivo lugar na contorna das piscinas municipais. Esta competición vén ratificar o auxe que está a vivir o deporte federado e escolar en Galicia para os nenos de entre 6 e 16 anos inscritos no programa Xogade cunha participación de 1.400 rapaces e rapazas de cursos dende 2º de Educación Primaria ata 3º de ESO. Os centros educativos representados foron o CPI Aurelio Marcelino Rey García, o CEIP Plurilingüe de Oca, o CEIP Manuel Villar Paramá, o IES Manuel García Barros, o CEIP Figueroa, o CPR Plurilingüe Nosa Señora de Lourdes, o CEIP Cabada Vázquez, o CEIP Pérez Viondi, o IES Avelina Valladares, o CPI Santa Lucía de Moraña, o CEIP do Foxo e o IES Antón Losada Diéguez.
Lete Lasa destacou a importancia de instaurar hábitos saudables que perduren para toda a vida nos más cativos e subliñou o gran crecemento que está a vivir o Xogade ata acadar, na fin da tempada 2023-2024 o máximo histórico de nenos e nenas mutualizados cun total de preto de 148.000 escolares, o que representa o 60% de todos os galegos e galegas escolarizados nas idades de entre 6 e 16 anos. Ademais, o secretario xeral destacou a inclusión e a igualdade dun programa que adapta todo o necesario para garantir a participación de todas as persoas incluíndo as que teñan algunha diversidade funcional e que conta, na actividade escolar, cun 48% de nenos e un 52% de nenas.
O Xogade oferta 16 modalidades na actividade deportiva escolar -atletismo en pista, bádminton, baloncesto, balonmán, cross, duatlón, encontros multideportivos, fútbol sala, multixogo 6-8, natación, orientación, patinaxe artística, tenis de mesa, voleibol, xadrez e xogando co atletismo- e conta con 39 federacións adheridas. Tamén inclúe outras propostas arredor do deporte: ‘Coñece o meu club’, para poñer en contacto a centros escolares con clubs deportivos da súa contorna; ‘Xogando coa auga e co vento’, que proporciona bautismo en deportes acuáticos como o surf, o piragüismo, o remo ou a vela; e ‘Xogos tradicionais e populares’, para fomentar o seu arraigo na poboación escolar. A Secretaría Xeral para o Deporte asume un gasto de 4 millóns de euros anuais entre o seguro deportivo escolar, contrato de transporte para os escolares que participan no Xogade, convenios coas agrupacións deportivas escolares e outros gastos organizativos.