A Estrada (Pontevedra) 4 de abril de 2023 O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou xunto ao director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, os participantes do I Stage Internacional Judo de Galicia aloxados na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP). Desde o pasado domingo e ata o próximo xoves, 6 de abril, un total de 120 deportistas -70 homes e 50 mulleres- participan nesta concentración premundial de judo nas categoría absoluta, tanto masculina como feminina.
A concentración estase a celebrar no pavillón polideportivo Manuel Coto Ferreiro da Estrada pero os participantes residen estes días na AGASP. Esta iniciativa inscríbese na colaboración da Academia para que as federacións deportivas galegas - neste caso coa Federación Galega de Judo- poidan facer uso das súas instalacións..
Con concentracións deste tipo, a AGASP segue diversificando a súa actividade -centrada na formación do persoal das forzas e corpos de seguridade e dos servizos de emerxencia da comunidade- e consolídase como un centro de referencia estatal cun recinto con todas as condicións necesarias para prestar un servizo de calidade aos deportistas galegos.
Entre o máis dun cento de deportistas da categoría absoluta e unha vintena de adestradores e adestradoras que conviven estes días na AGASP hai representación das seleccións de España, Xeorxia, Porto Rico e Portugal. Dos representantes de Galicia con opcións de clasificarse para o Mundial de Catar entre o 7 e o 14 de maio destacan Estrella López Sheriff, Laura Vázquez Fernández, Sara Rodríguez Rodríguez, Francisco Garrigós, David García Torné ou José Antonio Aranda. Tamén participan estes días nesta concentración o bicampión do mundo galego Nikoloz Sherazadishvill e as olímpicas de Portugal Caterina Costa e Joana Diogo.
Na visita que realizou onte o vicepresidente segundo da Xunta saudou ademais os participantes da concentración escolar de judo que se celebrou na xornada de onte na Estrada para seleccionar os representantes no campionato de España escolar de judo das categorías masculina e feminina de infantil e cadete. Os rapaces e rapazas tiveron a ocasión de compartir na AGASP experiencias cos judokas da categoría absoluta.