Allegue insta ao Goberno central a paralizar a suba dos prezos da AP-9 para 2027 e que os conxele como a Xunta fará coas autoestradas autonómicas

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2026

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, instou ao Goberno central a paralizar a suba dos prezos da AP-9 para o vindeiro 2027 e que os conxele como a Xunta fará coas autoestradas de titularidade autonómica.

Allegue respondeu hoxe a unha interpelación sobre a situación da autoestrada no Parlamento autonómico. Na súa intervención, apuntou que a suba prevista para esta autoestrada e para a AP-53 é dun 5% e un 4% respectivamente, o que as converte nas máis caras de España. Incidiu en que nesta lexislatura houbo un incremento dun 20% nos prezos e, pola contra, nas autoestradas da Xunta non houbo ningún aumento.

A conselleira reiterou no Parlamento a defensa por parte da Xunta dunha transferencia da AP-9 plenamente financiada e libre de cargas para os galegos e galegas, de xeito que esta infraestrutura poida ser xestionada desde Galicia.

Allegue subliñou que sería “irresponsable” aceptar “unhas condicións económicas ambiguas” como as que propón o Goberno central, especialmente cando está aberto un procedemento europeo sobre a concesión.

Sinalou que a posición do Goberno galego é inequívoca e reclama a transferencia da autoestrada para que Galicia xestione esta infraestrutura esencial e coas garantías que aprobou por unanimidade o Parlamento autonómico. Un texto que lembrou que BNG e PSOE modificaron e no que se eliminou, entre outras cuestións, a garantía expresa de que o Estado asumiría as consecuencias económicas dunha eventual nulidade das prórrogas da concesión.

A este respecto, Allegue recordou que o Goberno galego reclamou información en Bruxelas sobre o ditame da Comisión Europea sobre a prórroga da concesión e a resposta que ofreceu o Goberno central, trala negativa do Executivo a ofrecer esta información, polo que tamén ten interposto un contencioso ante a Audiencia Nacional.

Así, a conselleira explicou que no encontro mantido no Parlamento europeo trasladáronlle que o procedemento sobre a prórroga vaise elevar ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea, o que significa que se vai prolongar a incerteza sobre a situación xurídica da concesión. E lembrou que unha eventual nulidade “non pode converterse nunha factura que termine pagando por decisións que Galicia non adoptou”.  

Reclamou a convocatoria da Comisión Bilateral para aclarar discrepancias e asegurar o financiamento, de xeito que a futura comisión mixta de transferencias poida traballar sobre “un marco certo”.

Neste senso, criticou que o Goberno central non respondeu ás tres datas propostas pola Xunta para esta comisión e reiterou a esixencia dun compromiso por escrito que garanta que Galicia non vai asumir as responsabilidades derivadas dunha eventual nulidade e que o Estado financiará os investimentos futuros que necesita a AP-9.