Cerdedo Cotobade (Pontevedra), 7 de agosto de 2026
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, asistiu hoxe en Cerdedo Cotobade a unha demostración de voos con drons para vixiar o estado das estradas, realizada por Juan Pan, un dos fundadores e enxeñeiro da empresa galega Aguia, especializada nesta metodoloxía. No acto estivo tamén a directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza.
En concreto, realizouse esta demostración sobre inspección e a recollida de datos que pode realizarse a través destes aparatos nas estradas PO-231 e PO-233. O proceso de inspección comeza coa captura de imaxes mediante un voo sobre a estrada para obter fotografías de alta resolución do pavimento. Posteriormente, efectúase o procesamento fotogramétrico das imaxes, co fin de xerar ortofotos da zona inspeccionada e detectar de xeito automático posibles defectos mediante algoritmos de visión artificial.
Allegue salientou o traballo desta empresa galega, coa que se estudan posibles vías de colaboración.