Belén do campo supervisa as obras de reforzo de firme na estrada AC-432 ao seu paso por Camariñas e Vimianzo que contan cun investimento de máis de 1,1 M€

Camariñas (A Coruña), 8 de agosto de 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada pola directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire, visitaron, esta mañá, a zona na que se están a realizar as obras de reposición do firme na AC-432 ao seu paso polos concellos de Camariñas e Vimianzo cun investimento de máis de 1,1 millóns euros para arranxar un tramo de 10.5 quilómetros.

A representante do Goberno autonómico explicou que os traballos consistirán na rehabilitación superficial localizada do firme da estrada, restaurando ou mellorando as características superficiais do pavimento e adecuando as súas necesidades funcionais e de durabilidade.

Todas as intervencións de acondicionamento do firme completaranse co pintado da sinalización horizontal dos treitos de actuación de todas as estradas e a reposición dos treitos de barreira de seguridade que sexa preciso.

A delegada da Xunta explicou que esta actuación inclúese nun contrato máis amplo, que ten un prazo de execución de 4 meses, que abarca un total de 4 estradas autonómicas, nas que se inclúe esta estrada AC-432 ao seu paso por estes dous municipios, e outras 3 máis da provincia da Coruña (AC-419, AC-411 e AC-442) que atravesan  Santa Comba, Mazaricos, Zas, Dumbría, Malpica de Bergantiños e Ponteceso, cun investimento de máis de 3,2 M€ e que benefician a unha poboación de preto de 43.000 habitantes dos 8 concellos. As actuacións contempladas neste proxecto non implican a realización de ningunha expropiación, xa que están todas incluídas dentro da franxa de dominio público.

Belén do Campo destacou que esta intervención forma parte do esforzo da Xunta por manter as vías de titularidade autonómica nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria. Nos orzamentos do 2025, a aposta pola seguridade viaria, a través da conservación das estradas autonómicas e a mellora de firmes, é un eixo fundamental, con máis de 68 M€, un 30 % máis que o ano pasado.