Conclúen as obras de construcción dunha senda peonil e ciclista entre Franza e Rilo, na que a Xunta investiu medio millón de euros

Mugardos (A Coruña), 19 de abril de 2022

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde de Mugardos, Juan Domingo de Deus, supervisou esta mañá o final da obra de construción dunha senda peonil e ciclista na estrada AC-133, entre Franza e Rilo. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade achegou a esta actuación un investimento de 500.000 euros.

 

O novo itinerario ten unha lonxitude de 1,3 quilómetros e 2,5 metros de ancho e está deseñado para o seu uso por parte de peóns e ciclistas non deportivos. A senda discorre paralela á estrada autonómica e divídese en dous treitos: o primeiro executouse pola marxe dereita da vía, comezando na glorieta de conexión entre a AC-113 e a vía de alta capacidade V.G.-1.2, na contorna do núcleo de Franza. O segundo treito construíuse na marxe esquerda da estrada, entre os puntos quilométricos 9+820 e 9+910, onde se executou un itinerario polo trazado de cuneta transitable existente.

 

Durante a visita, na que tamén estivo presente o xefe territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade na provincia da Coruña, José Antonio Álvarez, a delegada da Xunta puxo en valor a actuación en tanto “garantirá a seguridade viaria dos veciños da zona nos seus desprazamentos a pé e facilitará o acceso ao complexo acuático do Castro, que alberga a piscina e o ximnasio e dá servizo aos concellos de Mugardos e Ares”, puntualizou.

 

Aneiros lembrou as melloras incorporadas ao proxecto a proposta do Concello de Mugardos. Entre elas, procedeuse á prolongación dos itinerarios ata entroncar coa senda existente no entorno da glorieta situada do punto quilométrico 8+550 da AC-133, dispoñendo de novos paso de peóns.

 

Tamén se procedeu á diferenciación do pavimento en función de se a senda percorre terreos con maior ou menor presenza de vivendas e se contemplou a ampliación do paso peonil no entorno do punto quilométrico 9+900 para solucionar o estreitamento na beirarrúa existente.

 

Ademais reforzouse a pendente lonxitudinal da nun treito de 60 metros, co fin de que teña unha pendente máxima do 6% e se repuxo un treito do colector de saneamento na zona de execución dun novo muro.

 

A actuación forma parte do Plan de sendas de Galicia na comarca de Ferrol co que a Xunta promove a construción de itinerarios seguros, sustentables e integrados na paisaxe. A execución destas actuacións está cofinanciada con fondos FEDER.

 

Este novo itinerario súmase a outras actuacións levadas a cabo ou proxectadas no concello de Mugardos para fomentar a mobilidade sustentable por valor de máis de 2M€ como son a senda entre os núcleos urbanos de Ares e Mugardos (AC-130) e a que se vai executar na zona do Peteiro (AC-133).