Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2026
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, avanzou hoxe que a Xunta licitará este ano as obras de renovación das beirarrúas e dos servizos urbanos da estrada OU-540 ao seu paso por San Cristóbal de Regodeigón, en Ribadavia.
Allegue informou desta actuación, que suporá un investimento de 1,16 M€, durante a reunión de traballo que mantivo esta tarde en San Caetano co alcalde de Ribadavia, César Fernández Gil, na que tamén participou a directora territorial da consellería en Ourense, Pilar Fernández León.
A intervención dá resposta á solicitude do Concello de Ribadavia, e permitirá renovar aproximadamente 1,1 quilómetros de beirarrúas, no tramo comprendido entre o entorno da intersección coa N-120, no punto quilométrico 1+850, e o camiño do cemiterio, no punto quilométrico 2+950.
As obras incluirán tamén a renovación das redes municipais de abastecemento e saneamento, así como a revisión dos demais servizos existentes para avaliar o seu estado e determinar as actuacións necesarias.
O impulso definitivo por parte da Xunta a esta actuación, chega tras a recente recepción da autorización necesaria da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, polo que o departamento que dirixe M. Allegue pode avanzar cara á súa licitación este mesmo ano.
Esta intervención forma parte do compromiso da Xunta de colaborar cos concellos na mellora das infraestruturas e dos espazos urbanos, impulsando actuacións que contribúan a mellorar a accesibilidade e a calidade de vida da veciñanza e a reforzar a competitividade económica dos municipios.