Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2026
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, supervisou hoxe as tarefas que a Xunta está a executar tras o deslizamento de terras en Xalde, en Moaña, na autovía do Morrazo.
Allegue, xunto coa directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, o director territorial da Consellería en Pontevedra, José Manuel González, e técnicos da AXI, achegouse para coñecer os traballos acometidos nesta zona na que o mércores tivo lugar un derrubamento por mor dos recentes temporais.
Na xornada de onte xa se levaron a cabo labores de limpeza e os técnicos puideron confirmar que o firme da autovía non sufriu danos.
No día de hoxe estanse avaliando as medidas a adoptar neste punto, entre elas o levantamento dun muro ao pé do noiro.
Cómpre lembrar que se mantén o desvío do carril de incorporación desde Cangas para garantir a seguridade e permitir que os operarios continúen traballando.