Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2025
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, interveu hoxe no Parlamento, onde salientou o compromiso da Xunta coa Variante de Carballo, cunha primeira fase que se someterá a información pública este ano 2025.
Detallou que se está a avanzar na tramitación desta primeira fase, que xa se someteu a avaliación ambiental simplificada, aprobada en abril pasado. A Xunta está a traballar na aprobación provisional do proxecto de trazado e a información pública a efectos expropiatorios.
Sinalou que o Goberno galego destinará un orzamento de 19M€ a esta intervención. Neste sentido, lembrou que os Orzamentos para 2025 recollen unha partida específica para este proxecto, así como a previsión plurianual para a súa materialización.
Subliñou que o proxecto ten dous obxectivos claves: servir de alternativa á estrada AC-552, que atravesa Carballo, aliviando o tráfico; e dar soporte a un punto estratéxico desta comarca, que é o polígono de Bértoa.
Remarcou que a variante mellorará a mobilidade cara ao polígono e evitará o tránsito de transportes de mercadorías polo centro urbán de Carballo.
Lembrou que a redacción do proxecto de trazado da primeira fase da variante foi complexa, pero aínda así o Goberno sempre mantivo o seu compromiso con esta actuación.
Enmarcou esta actuación na aposta da Xunta por dotar esta área de infraestruturas estratéxicas como a autovía da Costa da Morte, cuxo proxecto para a prolongación entre a AC-432 e Santa Irena, en Vimianzo, xa se someteu a información pública.