A Xunta cortou ao tráfico un treito de 2,1km nun carril da autoestrada AG-57 do Val Miñor, ao paso por Gondomar, tras un desprendemento de terra nun noiro na marxe da calzada a causa das fortes choivas. En concreto, cortouse o treito entre os puntos quilométricos 17+600 e 15+500 (en sentido Baiona), e o tráfico desvíase ao carril contrario, dispoñéndose neste dobre sentido de circulación.
Aínda que o desprendemento non afectou á calzada, existe risco de desprendemento de material que quedou inestable na cabeza do noiro, polo que por seguridade se optou por este corte de tráfico no carril sentido Baiona.
A Xunta calcula que o corte se manterá ao menos ata mañá mércores. E confirma que un xeólogo, acompañado por técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas estudarán mañá as medidas a adoptar.