A delegada territorial da Xunta en Ferrol anuncia a licitación das obras de execución de gabias de seguridade en catro estradas autonómicas da zona que suporán un investimento superior aos 1,1 millóns de euros

Fene (A Coruña), 19 de abril de 2022.- A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do xefe territorial de Infraestruturas, José Antonio Álvarez, visitou a vía de alta capacidade VG-1.2 ao seu paso por Fene e Mugardos, unha das catro vías da comarca en cuxa marxes o Goberno autonómico executará gabias de seguridade. A intervención tamén se levará a cabo na autovía AG-64 Ferrol-Vilalba, nos tramos correspondentes aos municipios de San Sadurniño e As Somozas e nas estradas AC-563 e AC-564, en Cabanas e A Capela.

 

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe o anuncio da Axencia Galega de Infraestruturas da licitación destas obras por un importe de 1.113.521,99 euros. As empresas interesadas teñen ata o día 16 de maio para presentar as súas ofertas e o prazo de execución é de seis meses.

 

As obras consistirán na transformación das gabias profundas actuais noutras de seguridade para o que se adaptarán as arquetas e sumidoiros e se recolocarán as barreiras de seguridade. Os traballos inclúen tamén a reconfiguración de illotes en glorietas, colocación de elementos de balizamento e renovación da sinalización vertical, rehabilitación do firme e repintado de marcas viarias.

 

“O obxectivo deste proxecto é mellorar as condicións de circulación e reforzar a seguridade viaria nestas estradas que soportan un gran volume de tráfico rodado, sen realizar cambios de trazado”, explicou a delegada territorial. Ademais precisou, que as actuacións en materia de mellora do firme, sinalización e drenaxe tamén contribuirán a incrementar a adherencia dos vehículos sobre o asfalto.

 

Para a execución destas obras non será necesario o desvío do tráfico rodado nin se producirán afeccións sobre ningún servizo.