Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2024
A xerente de Xestur, María Doporto, e a directora de Seaga, Luisa Piñeiro, acaban de asinar as escrituras de compravenda dunha parcela localizada no parque empresarial da Sionlla, en Santiago de Compostela.
A operación permitirá a Seaga, que actualmente tiña a súa sede nunha nave alugada no polígono do Tambre —tamén en Santiago— construír as súas propias instalacións na Sionlla, ocupando a tal fin unha parcela cunha superficie de 3.046 metros cadrados.
O traslado suporá un cambio substancial a nivel loxístico para a empresa pública de servizos agrarios galegos, xa que a nova localización facilitará e mellorará a mobilidade dos seus traballadores e medios e tamén gañará espazo.
O importe abonado por Seaga pola adquisición dos referidos terreos ascendeu a un total de 536.632,10 euros, IVE incluído, descontada xa por parte de Xestur unha bonificación sobre o prezo inicial de venda da parcela do 30%, por importe de 190.070,40 euros.