Salvaterra de Miño (Pontevedra), 22 de xullo de 2022 Ethel Vázquez anunciou hoxe a licitación das obras da nova senda na estrada PO-402 entre Oleiros e Leirado, en Salvaterra de Miño, que suporá un investimento da Xunta de 1,5 millóns de euros.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade presentou hoxe esta intervención que suporá a mellora da mobilidade a pé e o reforzo da seguridade, especialmente dos usuarios máis vulnerables das estradas, peóns e ciclistas.
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle o inicio da contratación destas obras, fixando de prazo ata o 17 de agosto para que as empresas interesadas poidan presenten as súas ofertas. A intervención conta con financiamento comunitario dos fondos REACT-EU, de resposta da Unión Europea fronte á pandemia da covid-19.
Vázquez Mourelle detallou que o obxectivo da Xunta é adxudicar o contrato cara a finais do mes de outubro, iniciar as obras en novembro e rematalas no vindeiro verán.
Trátase dun itinerario mixto, fundamentalmente de uso peonil, que dará continuidade aos treitos de senda xa executados a través de distintas actuacións levadas a cabo nos últimos anos.
Así, a través das obras licitadas hoxe, actuarase en 4,6 km de estrada, coincidindo cos treitos con vivendas que se atopan entre as parroquias de Oleiros e de Leirado, e mellorando o acceso a zonas de equipamentos como a igrexa e establecementos hostaleiros e de alimentación.
O itinerario será de formigón coloreado e terá un ancho mínimo de 1,80 metros e estará , elevado 10 centímetros sobre a estrada para unha maior seguridade. Ademais, contará con pavimento podotáctil nos vaos peonís, para favorecer o tránsito de persoas coa capacidade visual diminuída.
O obxectivo é fomentar os desprazamentos a pé dos veciños, polo que se disporán 3 pasos de peóns con iluminación específica, un deles sobreelevado, para mellora da mobilidade e unha mellor accesibilidade á nova senda. Xunto con isto, e co obxectivo de facilitar o acceso ao transporte público, acometeranse 4 marquesiñas, renovando as actuais.
Ademais aproveitaranse os traballos para mellorar o trazado dunha curva con radio reducido, no quilómetro 4+900, sen necesidade de expropiacións.
A actuación completa outras obras de mellora da mobilidade peonil executadas con anterioridade para unir Oleiros con Salvaterra a través da PO-400 e da PO-402.
Ethel Vázquez destacou a aposta da Xunta pola mobilidade sostible e saudable, xa que estes itinerarios peonís convidan a andar e a non coller o coche para os desprazamentos diarios, contribuíndo ao coidado do medio.
Puxo en valor o traballo do Goberno galego nesta materia, que se traduce na execución de 200 km de sendas en toda Galicia cun investimento de 50 M€.