Laxe (A Coruña) 13 de febreiro de 2023.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que a Xunta construirá unha nova senda para unir os núcleos de Serantes e Soesto, tras investir 335.000 euros na construción de dous itinerarios no interior desas dúas parroquias.
Vázquez Mourelle comprobou hoxe sobre o terreo o resultado da execución desas sendas en Soesto e Serantes, que se executaron ao longo da antiga traza da estrada autonómica AC-433 das novas sendas peonís en Soesto e en Serantes. As obras están rematadas e, tal e como destacou a conselleira, xa as usan os veciños nos seus desprazamentos cotiáns a pé beneficiándose dunha mobilidade máis cómoda, segura e saudable.
A titular de Infraestruturas e Mobilidade concretou que en Soesto o itinerario de uso compartido, peonil e para ciclistas non deportivos, une os lugares de Arrueiro e Castrelo, partindo desde a intersección da actual estrada autonómica coa antiga traza. Precisou que este novo itinerario, de aproximadamente 600 metros de senda, executouse no treito máis urbanizado, pola marxe esquerda da vía, coincidindo co treito que normalmente empregan os veciños e visitantes para ir ata a praia de Soesto.
No caso da senda de Serantes, Ethel Vázquez destacou que ten unha lonxitude de 720 metros e vai pola marxe da estrada actual, pero apoiada na antiga traza, entre os núcleos de Conlle e O Piñeiro. O itinerario transcorre pola dereita, proporcionándolles aos veciños dun itinerario seguro cara á igrexa de Santa María de Serantes e ao cemiterio.
Ethel Vázquez detallou que con estas actuacións, a Xunta dotou ao municipio de case 1,3 km de novas sendas en dúas zonas cun destacado tránsito peonil, cun ancho de 2 metros, agás no treito en Conlle, onde o itinerario ten 1,5 metros polos condicionantes da contorna.
Incidiu en que as sendas, en formigón de cor terriza natural e bordo de formigón, están perfectamente integradas e adaptadas para minimizar o seu impacto na contorna. Ademais, engadiu, acometéronse outras actuacións complementarias para a recollida de augas pluviais, pequenos muros de formigón armado de contención e o retranqueo de postes de telecomunicacións e electricidade para evitar obstáculos no tránsito de peóns.
Ethel Vázquez puxo en valor que a execución das sendas de Soesto e de Serantes cumpre unha demanda do alcalde e dos veciños, grazas a un investimento da Xunta de 335.000 €. A actuación foi financiada no marco do Eixe REACT-UE do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020 como parte da resposta da Unión Europea á pandemia de covid-19.
Destacou a boa acollida xeral dos itinerarios peonís nos concellos e subliñou que a Xunta leva construídos xa máis de 200 km de sendas en toda Galicia, cun investimento que supera os 50 M€. No caso da comarca de Bergantiños, executáronse 11 km de itinerarios aos que se destinaron máis de 5 M€, entre eles, tamén en Laxe, a senda do paseo marítimo, que conecta a zona de lecer de Cabo de Area co centro da vila.
Unha vez rematadas as sendas de Soesto e Serantes, e atendendo a unha nova solicitude do alcalde, a conselleira avanzou que a Xunta vai impulsar a construción dun novo itinerario para conectar as dúas parroquias, para o que esta mesma primavera está previsto contratar a redacción do proxecto.
Ethel Vázquez puxo en valor a execución o pasado outono do reforzo de firme na AC-434 de acceso a Traba, cun investimento de case 200.000 euros, e destacou, ademais, que a Xunta colabora coa entidade local, redactando o proxecto da nova depuradora para ese mesmo núcleo.