Ethel Vázquez avanza que na primavera estarán ao servizo dos veciños do pereiro de Aguiar, Paderne de Allariz e San Cibrao das Viñas 2,8 novos km de sendas seguras e sostibles logo dun investimento da xunta de 1 M€

O Pereiro de Aguiar (Ourense), 23 de xaneiro de 2023  A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que na primavera estarán ao servizo dos veciños do Pereiro de Aguiar, Paderne de Allariz e San Cibrao das Viñas 2,8 novos quilómetros de sendas seguras e sostibles logo dun investimento da Xunta de 1 millón de euros.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado da Xunta na provincia, Gabriel Alén, supervisou a pé de obra os traballos dos 2 itinerarios peonís na marxe esquerda da estrada autonómica OU-101: un na Medorra, que discorrerá polos tres concellos; e o outro no Paiseo, xa no concello de Paderne de Allariz. Na visita ás obras tamén estiveron os alcaldes e representantes dos concellos beneficiados pola actuación e o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Luis Fernández.

A titular de Infraestruturas sinalou que con esta actuación, en execución desde o pasado outono, a Xunta dotará de espazo para o tránsito de peóns ás zonas que carecían do mesmo, polo que suporá unha importante mellora da seguridade viaria ao facilitar os desprazamentos a pé.

A conselleira incidiu que as obras, que se iniciaron no outono, segundo o comprometido no momento da súa licitación, foron algo máis lentas pola frecuencia e intensidade das chuvias rexistradas, se ben actualmente están avanzando a bo ritmo, con todo o treito coa roza, limpeza e saneo do terreo executado, ademais de practicamente demolido o firme e escavado o solo ata o punto do recheo.

Concretou que o itinerario da Medorra, que pasa polos tres concellos,  a senda terá unha lonxitude de 2,1 km, transcorrendo, na meirande parte polo Pereiro de Aguiar.  O itinerario comeza ao pasar o cruce co regato de Pazos e segue pola marxe esquerda ao longo do Parque Tecnolóxico de Galicia e chega ata Paderne.  Neste treito de actuación prodúcese o cruzamento coa outra vía autonómica, a OU-537, onde esta senda se solapa coa xa executada pola Xunta na contorna dos parques empresariais.

O segundo itinerario, o de Paderne de Allariz, iníciase á altura do núcleo de Cascarreira, onde rematan as beirarrúas actuais, e segue ata as proximidades do Paiseo, cunha lonxitude de 640 m.

A conselleira lembrou que, en ambos os casos, as sendas terán ancho variable, cun mínimo de 2 metros, con pavimento de formigón cor terriza. En certos treitos contarán con gabia revestida, e estarán separadas da estrada.

Segundo abundou, como actuacións complementarias, executaranse muros de sostemento do terreo no treito da Medorra, tamén traballos de sinalización, reposición de servizos e preinstalación de alumeado público, xunto coa adecuación de 3 paradas de autobús que se dotarán de 3 novas marquesiñas.

A conselleira incidiu en que se trata de infraestruturas de mobilidade sostible, saudable e segura que inciden positivamente no día a día dos veciños, ao facilitar os seus desprazamentos cotiáns aos distintos equipamentos e servizos: ao centro de saúde, banco, zonas deportivas. Tamén, lembrou, son intervencións feitas coa máxima sensibilidade, neste caso, diminuíndo o impacto, tras as consideracións recibidas na información pública.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade subliñou o obxectivo da Xunta de acadar un pleno rendemento das obras nas vindeiras semanas e avanzar xa de forma continuada ata acabar as obras, para que estes 2,8 km de sendas peonís estean ao servizo dos veciños do Pereiro de Aguiar, Paderne de Allariz e San Cibrao das Viñas na primavera, cun investimento da Xunta de 1 M€.

As intervencións contan con financiamento da Unión Europea dos fondos Feder 2014/2020 e dos fondos REACT EU.

Esta nova actuación da Xunta enmárcase no Plan de sendas de Galicia para a comarca de Ourense co que se están a executar 16 km de itinerarios cun orzamento de 7,1 M€, e que tal e como destacou Ethel Vázquez a Xunta avanza a ritmo intenso, executando, ademais desta outra senda que comparten os concellos do Pereiro e Esgos, varias máis na cidade de Ourense.

Ethel Vázquez fixo fincapé que se trata de itinerarios que mudan a mobilidade peonil das zonas polas que pasan, aos que se sumará esa grande actuación prevista na cidade de Ourense: a senda de máis de 5 km que unirá a cidade de norte a sur a través da avenida das Caldas e O Barbaña con 8,4 M€. Esta actuación será executada cos fondos Next Generation.