Ethel Vázquez avanza un investimento da Xunta de 1,1 M€ para executar unha nova senda e pasarela baixo a vía do tren que solucione os problemas de mobilidade peonil na estrada AC-840 en Oza-Cesuras

Oza-Cesuras (A Coruña), 27 de febreiro de 2023 A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe un investimento da Xunta de 1,1 M€ para executar unha nova senda e unha pasarela baixo a vía do tren que solucione os problemas de mobilidade peonil na estrada AC-840 en Oza-Cesuras.

Vázquez Mourelle, nunha visita hoxe ao municipio co alcalde, José Pablo González, salientou que a actuación nesta estrada, ao seu paso polo núcleo da vila, permitirá salvar o actual estreitamento no quilómetro 8+280, derivado do paso do tren e no que só hai espazo para os carrís de circulación de vehículo, polo que calquera veciño que necesite pasar a pé por este punto agora mesmo ten que invadir a estrada.

Explicou que para atallar e solucionar a situación, atendendo á solicitude do Concello, a Xunta estudou as alternativas para determinar as posibilidades de conexión para habilitar un paso seguro para peóns, cun itinerario diferenciado dos carrís de circulación.

A conselleira concretou que nestes momentos a Xunta está a redactar este proxecto de mellora da mobilidade peonil na estrada AC-840 cun paso baixo a vía do tren mediante un caixón fincado, unha estrutura de formigón armado, que garantirá o tránsito a pé de xeito seguro. Adiantou a previsión da Xunta de ter a finais de marzo o proxecto para a súa supervisión, paso previo á súa aprobación e licitación das obras.

Incidiu en que, de xeito paralelo, se avanzará no convenio de colaboración co Concello, que será o encargado da posta á disposición dos terreos necesarios, mentres a Xunta se compromete a executar e financiar esa senda e pasarela baixo a vía do tren cun investimento de 1,1 M€.

A titular de Infraestruturas precisou que ante a inviabilidade de facer ese itinerario diferenciado dos carrís da circulación nas beiras da propia AC-840, pola imposibilidade de afectar aos estribos do paso do ferrocarril, determinouse como solución máis axeitada, eficiente e rápida, habilitar un paso para peóns e, no seu caso, ciclistas non deportivos mediante un caixón fincado de formigón baixo a vía do tren. Este sistema ten a vantaxe de evitar afeccións significativas durante a execución das obras ao tráfico viario na propia estrada AC-840 e tamén ao ferroviario.

Engadiu que para acadar un itinerario peonil continuo e seguro tamén se farán conexións coa estrada AC-840 a ambos os lados dese paso baixo o tren, de modo que queden garantidas as conexións coas beirarrúas de antes e de despois dese punto de estreitamento.

A conselleira detallou que se habilitará un itinerario de 128 metros de lonxitude cun ancho variable, de entre 2,5 e 4 metros. Ademais, dotarase de iluminación todo o ámbito da actuación. 

Precisou que o itinerario terá dous treitos diferenciados: por unha banda, unha rampla de 70 metros que irá paralela á vía do tren, no tramo paralelo ao camiño de servizo, que se sosterá cun muro de formigón armado lateral; e, por outra, o paso baixo a vía do tren, unha estrutura de formigón armado de 16 metros de lonxitude, 8,50 metros de alto e 5 metros de ancho, que permitirá atravesar o noiro do ferrocarril de xeito seguro. A titular de Infraestruturas explicou que terá un ancho suficiente para, de considerarse necesario no futuro, reservar unha metade para o paso peonil e outra para un carril-bici.

O paso disporase, concretamente, onde se atopa o pavillón e executarase fincado á estrutura desde o lado contrario á estrada AC-840, porque facendo a actuación desde esa marxe se reduce a afección.

Para a execución desa estrutura fincada será preciso realizar un apeo provisional da vía do tren e, posteriormente, executar as tarefas de reacondicionamento da vía con maquinaria específica, polo que serán necesarios os correspondentes permisos de Adif.

A Xunta está a avanzar nos trámites administrativos necesarios para levar a cabo esta actuación necesaria e agardada polos veciños de Oza-Cesuras, que permitirá un tránsito a pé seguro atravesando a vía do tren favorecendo os desprazamentos cara aos principais equipamentos: o pavillón, o colexio, o Concello ou a escola de música.