Ethel Vázquez salienta o investimento da Xunta de 329.000 € para dotar aos veciños de Toiriz, en Pantón, dunha nova senda peonil que hoxe se licita e se iniciará no verán

Pantón (Lugo), 31 de marzo de 2023

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe o investimento da Xunta de 329.000 € para dotar aos veciños de Toiriz, en Pantón, dunha nova senda peonil que se iniciará no verán.

 

Vázquez Mourelle achegouse hoxe ata a parroquia de Santa María de Toiriz para presentar, xunto co alcalde, a nova actuación da Xunta en Pantón. Informou de que hoxe a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle a licitación das obras da nova senda de 530 metros a ambos os lados da LU-617, ao seu paso polo núcleo de Toiriz. As empresas interesadas teñen agora de prazo ata o 26 de abril para presentar as súas ofertas.

 

A conselleira explicou que a nova actuación completará a 1ª fase da intervención realizada no 2020, na que se executou un itinerario seguro ao longo de 350 metros desta mesma estrada autonómica ao seu paso pola parroquia, cun investimento de preto de 50.000 €. Nesa actuación pavimentáronse as beirarrúas e colocáronse balizas para diferenciar a estrada da zona reservada para peóns, nun treito con vivendas.

 

A titular de Infraestruturas da Xunta avanzou que as novas obras no núcleo de Toiriz, que suporán un investimento de preto de 329.000 €, prevén iniciarse no verán, polo que no primeiro trimestre de 2024 os veciños de Toiriz dispoñerán xa deste novo itinerario para realizar os seus desprazamentos cotiáns a pé de xeito cómodo, seguro e saudable.

 

Deste xeito, incidiu a conselleira, o novo itinerario completará o traballo realizado con anterioridade neste mesmo núcleo, poñendo a Xunta á disposición dos veciños un itinerario peonil continuo de 850 metros que favorece o tránsito no núcleo.

 

Concretou que a nova senda por ambas as marxes da estrada LU-617 que lle dará continuidade á que xa hai, terá algo máis de 500 metros e un ancho mínimo de 1,8 metros, salvo nalgunha zona puntual onde non se dispón dese espazo ao haber vivendas, garantindo así a accesibilidade.

 

A titular de Infraestruturas da Xunta explicou que para a execución da senda demoleranse, primeiro, as cunetas, soleiras existentes e demais pavimentos. Despois disporase o novo itinerario en saburra artificial e formigón bituminoso.

 

Sinalou que será preciso construír 2 muros de contención con bloques de granito, que disporán de varandas de protección.

 

Na intervención disporanse balizamento e defensas. A actuación completarase, ademais, coa colocación de canal de desaugue e sumidoiros, conectados a unha nova canalización para garantir a correcta recollida das augas pluviais.

 

Ethel Vázquez enmarcou esta intervención no traballo que vén desenvolvendo a Xunta para dotar as marxes das estradas autonómicas de sendas peonís seguras, habilitando xa máis de 250 km de itinerarios cun investimento de máis de 50 M€ en toda Galicia.

 

Fixo fincapé na aposta da Xunta por este tipo de infraestruturas verdes pola súa grande acollida e o por ser moi empregadas alí onde se fan, reforzando a seguridade e facilitando os desprazamentos peonís dos veciños.

 

A conselleira tamén salientou o traballo da Xunta, da man do Concello, para proporcionar mellores servizos da auga ao municipio. A este respecto, adiantou no verán se iniciarán as obras para garantir o abastecemento a 240 veciños das parroquias  de Santiago de Castillón, de San Vicente de Castillón e de Santo Estevo do Mato, que suporán un investimento de 610.000 €.

 

Tamén referiu que se seguirá traballando para dotar de saneamento a núcleos da parroquia de Toiriz, avanzando no proxecto que se vén de presentar.