A execución da senda Milladoiro–Intermodal fará necesario un corte ao tráfico a partir do luns no ramal que conecta a AG-56 coa SC-20 en sentido Santiago

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2025

A execución da senda Milladoiro–Intermodal, en concreto a escavación dos estribos de apoio das pasarelas que salvan o ramal de conexión entre AG-56 (Autovía Brión – Noia) e SC-20 (N-550), fará necesario un corte de tráfico previsto desde o próximo luns 24 de febreiro. Durará entre 20 días e 1 mes, de forma intermitente, 1 de cada 3 días, fóra das horas puntas. Prevese reducir ao mínimo o tempo da interrupción.

O corte será no ramal que conecta a AG-56 coa SC-20 en sentido Santiago. Os vehículos que proveñan de Brión e Bertamiráns, cando estea establecido o corte, dirixiranse á rotonda de entrada en Milladoiro para dar a volta.

Aínda que o traballo será continuo, interromperase o tráfico o estritamente necesario, en principio un de cada tres días. Establecerase o corte unha vez que termine a punta de tráfico de entrada a Santiago á primeira hora, e manterase ata que empece a punta de tráfico do retorno a última hora da tarde.