Bruxelas, 18 de novembro de 2025
A Xunta reclamou hoxe en Bruxelas compromiso e o cumprimento de prazos e investimentos precisos para avanzar no desenvolvemento do Corredor Altántico en Galicia, apelando ademais ao apoio de Europa á conexión Vigo-Porto, “esencial para unir a fachada Atlántica e unha das eurorrexións máis activas con un tren de alta velocidade competitivo e eficiente”. Así o trasladou o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, con motivo da súa participación no Foro do Corredor Atlántico.
No marco do encontro, o conselleiro tivo a oportunidade de trasladar ao novo coordinador europeo do Corredor Atlántico, François Bausch, a situación actual en Galicia respecto ao Corredor Atlántico e a preocupación do Goberno galego polo descoñecemento da totalidade das actuacións e do cronograma respecto ás mesmas. O conselleiro considerou positiva esta primeira toma de contacto, e convidou o coordinador a visitar Galicia para coñecer sobre o terreo a realidade e comprender a importancia de conectar debidamente a fachada atlántica para o desenvolvemento e futuro da comunidade e da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
O Plan de Acción Ferroviario de Alta Velocidade da Comisión Europea prioriza a conexión entre capitais estatais, como o AVE Lisboa-Madrid. Por iso, Calvo reclamou na súa intervención no citado Foro que, se ben Galicia entende a importancia tamén desta liña, o seu desenvolvemento en ningún caso debe supor lastrar nin demorar a conexión Vigo-Porto.
Neste punto lembrou que esta é unha petición que o Goberno galego vén realizando insistentemente ao Goberno de España, e hoxe trasladouna tamén ao Foro co obxectivo de acadar o respaldo de Europa para apostar de forma conxunta por “este proxecto estratéxico, ofrecendo prazos realistas e cumprindo cos xa comprometidos”. “Non queremos que os seis millóns de habitantes da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal queden excluídos da ansiada meta de accesibilidade e conectividade para toda a UE”, afirmou o conselleiro.
O máximo responsable da Consellería de Presidencia recordou tamén en dito foro as distintas barreiras que frean que Galicia poida desenvolver en igualdade de condicións o seu potencial. Neste senso, aludiu aos inconvenientes da convivencia de anchos de vía diferentes. Máis do 80% da rede ferroviaria galega ten ancho ibérico, e menos do 6% o ancho requirido pola UE para garantir a interoperabilidade. O 75% da rede galega discorre en vía única e máis da metade non está electrificada. O conselleiro mencionou a necesidade de migrar a rede a ancho internacional, para non limitar a competitividade nin dificultar a entrada doutros operadores.
De igual xeito, Calvo destacou a importancia dos portos galegos no movemento diario de mercadorías, “que conectan a nosa economía con Europa, África e América, sendo un dos principais exportadores nacionais, ademais de líderes no sector pesqueiro europeo”. Neste punto reivindicou o recoñecemento da importancia estratéxica dos portos de Ferrol e Vigo, mediante a súa incorporación no Corredor Atlántico, e a necesidade de conectar debidamente os portos galegos por tren para permitir a correcta distribución de mercadorías.
O conselleiro tamén lamentou a ausencia dunha política estatal que prime os portos non nodais e o feito de que, a día de hoxe, Galicia siga sen dispor do Plan director do Corredor Atlántico actualizado, realista e detallado en investimentos e prazos, a pesar de telo reclamado xa en diversas ocasión ao Goberno de España.
Diego Calvo rematou a súa intervención insistindo na importancia do respaldo europeo para “a nosa cohesión e vertebración territorial e o dereito a unha mobilidade sostible e accesible” ao tempo que defendeu que “investir na conectividade da fachada Atlántica é esencial”. Por iso reclamou o respaldo do Executivo comunitario e pediu que “non permitan poñer freo ao desenvolvemento do noroeste ibérico en Europa, posto que suporá, sen dúbida, fortalecer os lazos estratéxicos, económicos e sociais que nos vinculan”, concluíu.
Encontro TecEuropa
Por outra banda, na xornada de hoxe Diego Calvo participou tamén na apertura da 23 edición do encontro TecEuropa, organizado pola Fundación Galicia Europa desde hai dez anos. Segundo sinalou o conselleiro, o obxectivo é proporcionarlle ao persoal técnico das entidades públicas e privadas de Galicia unha visión xeral das diferentes fontes de financiamento comunitario e, sobre todo, a oportunidade de comprender a lóxica de intervención da Unión Europea a través dos diferentes fondos e programas dispoñibles. A iniciativa busca ademais fomentar a existencia dunha rede de técnicos en Galicia para compartir experiencias e coñecementos, así como para desenvolver proxectos conxuntos.
Esta edición de TecEuropa está cofinanciada co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e suma unha vintena de participantes, con representación da administración autonómica, concellos, empresas, entidades sociais, ONGD e da Universidade da Coruña, que teñen ocasión de achegarse tanto ás políticas europeas como aos fondos e programas de financiamento que as acompañan.