Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2023
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentou hoxe ao sector o proxecro Corredor de Ecoturismo da España Verde, a iniciativa na que participa Galicia xunto ao resto de Comunidades do norte peninsular co que se pretende crear o maior corredor ecoturístico de Europa.
Ante distintos representantes do sector e entidades susceptibles de adherise á iniciativa, Xosé Merelles salientou a oportunidade deste proxecto para que Galicia avance nun modelo turístico sustentable desde o punto de vista social e ambiental. Xunto a Asturias, Cantabria e o País Vasco ofreceranse experiencias turísticas dentro dos espazos naturais protexidos de cada comunidade. Crearase tamén unha rede de axentes colaboradores no territorio, achegarase formación a empresas e xestores de recursos, deseñaranse e crearanse experiencias, productos e servizos novidosos a cargo de empresas locais.
“A nosa intención é deseñar un percorrido polo norte de España a través dunha gran ruta, unha viaxe de coñecemento e desfrute polos principais lugares da España Verde, onde Galicia terá o seu protagonismo”, indicou o director de Turismo. Será un traballo conxunto entre xestores dos destinos, asociacións, empresarios e xestores de espazos protexidos.
Impulso ao ruralNo proxecto, que está financiado polos fondos Next Generation, poderán participar os espazos naturais protexidos que desexen colaborar, tamén empresas situadas no medio rural e natural vinculadas á observación da fauna, aloxamento, empresas de turismo activo, así como empresas que conten con certificación en sostibilidade que queiran crear paquetes e produtos de ecoturismo. Ao mesmo tempo está aberta a axentes locais e ambientais, axencias de receptivo e operadores especialistas en natureza, entre outros.
As catro comunidades participantes deseñaron un plan de acción para poñer en marcha unha rede de actores do Corredor de Ecoturismo a través de formación e certificación en Ecoturismo e Sostenibilidade de empresas turísticas. Organizaranse para iso charlas, cursos, seminarios e auditorías. Tamén se deseñarán experiencias e productos de ecoturismo e se creará unha marca e un plan de comunicación e promoción para o mercado nacional e internacional. A conclusión do proxecto, con data de finalización en novembro de 2024, permitirá crear o maior corredor de ecoturismo de Europa e conta coa participación da Asociación de Ecoturismo de España.