Gómez Caamaño avanza que antes do verán A Estrada porá en marcha un proxecto piloto pioneiro de hemodiálise intermedia entre o centro de saúde e o domicilio

A Estrada (Pontevedra), 10 de xaneiro de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, anunciou hoxe a posta en marcha, antes do verán, dun proxecto piloto pioneiro de hemodiálise intermedia entre o centro de saúde da Estrada e o domicilio, polo que este centro da rede sanitaria pública galega seguirá a ser referencia e estando á vangarda.

O conselleiro de Sanidade visitou esta mañá o centro de saúde da Estrada, xunto co conselleiro de Cultura, José López Campos; o delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera Ocampo; a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López Linares; e o xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio Villanueva.

Tal e como detallou o conselleiro, o proxecto piloto de hemodiálise estará coordinado polo Servizo de Nefroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela. Mediante esta iniciativa búscase potenciar a hemodiálise domiciliaria para facilitar a autonomía dos pacientes co apoio do centro de saúde.

Gómez Caamaño referiu que o seu departamento iniciará proximamente a formación dos profesionais para a posta en marcha desta medida que, tal e como remarcou, non sería posible levar a cabo sen o compromiso, a dedicación e o esforzo incansable do cadro de persoal que traballa neste centro.

Na súa intervención, o máximo responsable da saúde dos galegos subliñou que o centro de saúde da Estrada é o que mellor leva á práctica a filosofía modernizadora da atención primaria que defende a Xunta, procurando unha asistencia orientada, non tanto na enfermidade, como na persoa e a súa saúde.

Tamén incidiu en que, dende a súa posta en marcha, este centro destaca pola súa dedicación constante á innovación, á mellora continua e á atención personalizada aos pacientes, converténdose nun referente de boa xestión e práctica clínica.

Centro de referencia

Gómez Caamaño puxo en valor que o centro de saúde da Estrada é pioneiro na posta en marcha de protocolos de xestión de enfermería a demanda, onde este persoal se encarga da primeira atención de procesos de baixa complexidade, utilizando protocolos específicos baseados na evidencia científica, o que posibilita unha resposta rápida, segura e eficaz ás necesidades dos pacientes.

Tamén forma parte dun ambicioso estudo de investigación en deterioro cognitivo leve e enfermidade de alzheimer, en colaboración co Hospital Clínico de Santiago, no que participan 117 pacientes. Este estudo permitirá avanzar na diagnose temperá e mellorar os tratamentos dispoñibles, cun impacto positivo na calidade de vida das persoas maiores.

O conselleiro de Sanidade reiterou o alto nivel das instalacións do centro de saúde da Estrada, que se puxo en servizo en 2020 tras un investimento da Xunta de catro millóns de euros. O novo centro permitiu aumentar case nun 30 % a superficie asistencial para atender ao mes preto de 10.000 consultas xerais, 10.000 de enfermería e 2.000 de pediatría.

Premios e distincións

O esforzo do cadro de persoal que traballa neste centro da rede do Servizo Galego de Saúde vese recompensado cos numerosos premios e distincións recibidas nos últimos anos. Así, o ano pasado recibiu o Premio Excelencia da Consellería de Sanidade polo seu Plan local de saúde.

Tamén foi galardoado nos Best in Class como o mellor centro de saúde de España, recoñecemento que acadou en seis ocasións. Así mesmo, o equipo de enfermería obtivo o segundo posto no Premio Nacional de Reputación Enfermeira. Tamén a iniciativa e-Interconsulta en Cardioloxía foi recoñecida pola mellora na eficiencia e calidade da atención ao paciente, en colaboración co Hospital Clínico de Santiago.

Gómez Caamaño dixo que todos estes galardóns non serían posibles sen o compromiso, a dedicación e o esforzo incansable do equipo de ao redor de 70 profesionais que desenvolven o seu labor neste centro, aos que lles reiterou as grazas.