A Estrada (Pontevedra), 27 de maio de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, animou hoxe á mocidade a achegarse a III Mostra de Orientación Educativa que se celebra ata mañá na Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada para coñecer “de primeira man a oferta formativa e as numerosas saídas profesionais” que poden atopar en Galicia.
Neste senso, López Campos explicou que esta cita, celebrada co apoio da Xunta e en colaboración co Concello da Estrada, pretende axudar a resolver as inquedanzas de preto de 1.300 mozos e mozas. Así mesmo, salientou que o apoio a esta iniciativa forma parte da liña de traballo que ten en marcha o Goberno galego para axudar á mocidade no acceso ao mercado laboral e na que se inclúen medidas como o programa Xuventude Mentoring, que promove a formación e acompañamento en sectores estratéxicos e que conta xa cunha taxa media de inserción laboral superior ao 64%.