Valga (Pontevedra),5 de agosto de 2022
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo alcalde, José María Bello Maneiro, desprazouse esta mañá ata a parroquia de Ferreirós para comprobar o resultado da segunda fase das obras de mellora da estrada PO-190, que supuxeron un investimento autonómico de máis de 530.000 euros.
Estas obras enmárcanse no convenio de colaboración entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e o Concello de Valga para actuar nun tramo duns 800 metros comprendido entre os puntos quilométricos 0+420 e 1+290.
Executáronse actuacións de arranxo e demolición de beirarrúas para a súa reconstrución, suprimindo barreiras arquitectónicas para favorecer a accesibilidade e facer máis seguro o tránsito de peóns. As novas beirarrúas realizáronse con pavimento de formigón coloreado.
Tamén se renovaron as redes de augas pluviais, abastecemento e alumeado para mellorar a prestación destes servizos, soterrándose a rede eléctrica e algúns tramos da rede telefónica e, por último, renovouse o pavimento da estrada mediante o estendido de formigón bituminoso e dotouse á vía da correspondente sinalización horizontal e vertical, incluíndo o marcado de pasos de peóns sobre redutores de velocidade.
Con esta segunda fase ponse fin ás actuacións de mellora iniciadas nesta estrada PO-190 no ano 2020: na primeira actuárase sobre un tramo de aproximadamente medio quilómetro comprendido entre o cruce coa estrada de Vilagarcía e o Auditorio Municipal cun investimento de máis de 370.000 euros por parte do Goberno autonómico.
Tal e como recollía o convenio asinado polas dúas administracións, a estrada pasa a ser agora de titularidade municipal.
O Goberno galego segue a fomentar investimentos que melloren as infraestruturas viarias, coa finalidade de favorecer o desenvolvemento económico e social e achegar unha maior calidade de vida á cidadanía.