Marín remata a segunda fase da obra na estrada da Pastoriza grazas a unha achega da Xunta de preto de 50.000 euros

Marín (Pontevedra), 20 de marzo de 2026

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o concello de Marín, acompañado pola alcaldesa, María Ramallo, e por un grupo de veciños da zona, para coñecer o resultado da segunda fase das obras de mellora da rede viaria na Pastoriza, executadas ao abeiro do Plan Camiña Rural.

No caso de Marín, este programa autonómico supón un investimento de arredor de 47.000 euros, destinados á mellora, ensanche e pavimentación de camiños municipais e vías rurais, co obxectivo de reforzar a seguridade e facilitar a mobilidade no ámbito rural.

Durante a visita, o delegado territorial destacou a importancia deste tipo de actuacións para “dar resposta ás necesidades da veciñanza e mellorar as condicións de vida no rural, garantindo accesos máis seguros e cómodos para a veciñanza”. Ademais, subliñou o valor da colaboración entre administracións para executar obras que teñen un impacto directo no día a día da cidadanía.

O Plan Camiña Rural 2025-2026 prevé un investimento total de case 4 millóns de euros nos concellos da provincia de Pontevedra. Na área de influencia do concello de Pontevedra, son 10 os municipios beneficiados, cun investimento global próximo aos 640.000 euros.

Esta liña de actuación da Xunta de Galicia ten como finalidade mellorar a rede de camiños municipais, contribuíndo á vertebración do territorio, ao desenvolvemento rural e á fixación de poboación, ao tempo que se incrementa a seguridade viaria nestas contornas.